Patrimonio Inmaterial

Máis de setecentas horas de gravacións por e para o pobo

Rosa Sánchez e Pablo Carpintero ceden o seu arquivo particular de rexistros de campo ao Museo do Pobo Galego, probabelmente un dos máis estensos da península ibérica.
Pablo Carpinteiro e Rosa Sánchez no Museo do Pobo Galego (facebook)
photo_camera Pablo Carpintero e Concha Losada no Museo do Pobo Galego (facebook)

Rosa Sánchez e Pablo Carpintero, ambas músicas vencelladas ao tradicional e implicadas na recollida de testemuños orais, anunciaron a segunda feira 11 de decembro a cesión do seu arquivo de gravacións de campo ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI), un programa de dixitalización, catalogación, estudo e difusión do patrimonio inmaterial xestionado polo Museo do Pobo Galego.

“Queremos que se comparta con todo o mundo e que volva a ser tocado”, afirma Carpintero

Os rexistros cedidos comprenden máis de 700 horas de gravacións, fundamentalmente na Galiza, mais tamén en Portugal, Zamora e Asturias. Trátase, con seguridade, dun dos arquivos particulares máis amplos da Península Ibérica. Aínda que se atopan elementos diferentes, a maior parte dos cortes son rexistros musicais de cantigas, destacando os repertorios completos de 120 gaiteiros.

O acordo da doazón íntegra inclúe que o material sexa dixitalizado completamente e posto á disposición de todas as persoas

Segundo relata a Sermos Galiza Carpintero, o arquivo de sempre foi público, froito do seu compromiso coa difusión da nosa tradición. Calquera persoa podía ir e consultalo no seu domicilio, mais chegou un punto no que lles roubaba demasiado tempo. Por iso decidiron cedelo integramente ao APOI. “Queremos que se comparta con todo o mundo e que volva a ser tocado”, afirma Carpintero. Pois ese é o sentido do seu traballo.

“Xa se cedera unha parte hai tempo, pero non se fixo público”, comenta. Desta volta, o acordo da doazón íntegra inclúe que o material sexa dixitalizado completamente e posto á disposición de todas as persoas. “Ademais, irase subindo á rede”, explica o investigador, que participou entre 2006 e 2010 no proxecto Ronsel da Universidade de Vigo para a recuperación do Patrimonio Cultural Inmaterial da Galiza.

“Non hai consciencia institucional da importancia dos arquivos na conservación do patrimonio inmaterial”, denuncia Carpintero

Os arquivos na Galiza

“Hai unha situación dos arquivos na Galiza?”, pregúntase con indignación Carpintero. “É unha porcallada, en realidade”, di con contundencia, pois “non hai consciencia institucional da súa importancia na conservación do patrimonio inmaterial”. O pouco e insuficiente traballo que se ten feito responde á iniciativa particular.  “Unicamente co esforzo e o tempo de persoas que se consagran a isto”, insiste, se conserva unha lembranza que é de todas nós, e moitas delas rematan por teren que ceder as súas gravacións  “para que poidan ser difundidas, a cambio de nada”, subliña. A chamada ás institución é, daquela, urxente.

Comentarios