O arquivo de Dorothé volve ao pobo

Durante cinco anos camiñou polas aldeas para recoller a nosa cultura musical popular. Corría o 1978 e a imaxe dunha musicóloga suíza na busca de cantigas non pasaba desapercibida. Agora Dorothé Schubarth doa o seu arquivo ao Museo do Pobo Galego. 

Dorothé recollendo
photo_camera Dorothé recollendo

O arquivo de Dorothé Schubarth volve ao pobo do que o recolleu. A musicóloga suíza que en 1978 chegou a Galiza para estudar a nosa música popular e recolleu o valiosísimo material co que elaboraría o Cancioneiro popular galego en sete volumes, en colaboración co académico e profesor da USC Antón Santamarina, fixo doazón do seu arquivo sonoro ao Museo do Pobo Galego, entidade que definiu a súa obra como “un corpus fundamental para o coñecemento do noso acervo folclórico”. 

Cinco anos estivo Dorothé Schubarth en contacto con moreas de informantes das que recollía o rexistro sonoro, persoas que traspasaron o seu saber popular e coas que a musicóloga suíza afondou no contacto e a afectividade coa terra. 

O  fondo de Dorothé Schubart incorpórase ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade no que se integrarán os rexistros en cinta magnética ademais de diverso material musical e tamén escrito. Ademais, dixitalizaranse as gravacións orixinais para que poidan ser consultados por persoas interesadas. Os materiais que non foron editados xa pola Fundación Barrié poranse a disposición no portal  www.apoi-mpg.org

Primeira no Día das Galegas nas Letras

Dorothé Schubart foi este verán protagonista da primeira edición do Día das Galegas nas Letras, unha celebración ideada polas promotoras da plataforma de crítica feminista A Sega que congregou na Estrada centos de mulleres que destacaron o labor na nosa cultura da musicóloga suíza. 

No “Aturuxo”, o manifesto que A Sega fixo público para a ocasión,  falan de Dorothé Schubart como a “primeira que ousou poñer os nosos nomes a cada unha das composicións”.

“Se nós temos voz é porque houbo quen foi quen de conservala e aínda máis importante, quen foi quen de recoñecela como de nosoutras, lonxe deses discursos da "comunidade" nos que as mulleres ficamos invisibles. Ese foi o traballo de Dorothè Schubarth que hoxe celebramos, vindicamos e recoñecemos”, rematan desde a Sega no seu manifesto, para recoñecer o labor desenvolvido pola homenaxeada. 

Comentarios