Máis

Setembro a ritmo de folk

A Estrada baila coa música tradicional
8ab4a50d-f139-40a1-8e4c-f909612f4a4b_16-9-aspect-ratio_default_0 (1)
photo_camera Ailá, que veñen de publicar o seu último disco Sansolimón, actúan mañá na Noite Folk de San Xurxo Vea. (Foto: Ailá)

Na parroquia estradense de San Xurxo de Vea (Terra de Montes), setembro comeza a ritmo de folk coa décima edición da Noite Folk, un proxecto que, despois de catro anos en pausa que comezaron como consecuencia da pandemia, consegue retomar con forza a música e a festa para que ninguén deixe de bailar. Así, desde os anos 2000, a Noite Folk transforma o campo da festa de San Xurxo de Vea, tamén coñecido como o Campo da Festa de Quintáns, nun torreiro no que non deixar que morra a noite e vivir a troula desde a música e o folclore.

Este ano, a xornada celebrarase o día 1 de setembro. Unha sexta feira na que os carballos darán acubillo a catro grupos de música tradicional nos que se mestura a diversidade coa raíz. Con zona de polbeiro para repor forzas na cena e espazo de acampada para todas as persoas que procuren alongar a xornada até ben entrada a noite, a programación fai unha achega de posta en valor das agrupacións locais, coa metade do cartaz de orixe estradense.

Así, se os Regatos e os Gaiteiros de Barbude xogan na casa, a Xaiba e Ailá chegan de Vilagarcía de Arousa e Santiago de Compostela respectivamente para devolver a música a San Xurxo de Vea. Desta forma, os Regatos, impulsores do festival Folk de Raíz, achegan a súa visión da música tradicional a través das súas gaitas, guitarras, pandeiretas, acordeóns e voces. Unha visión moi semellante á proposta dos Gaiteiros de Barbude que, integrados na escola de gaitas do lugar, difunden o saber popular.

Unha noite que completan as músicas do grupo a Xaiba e o ritmo folk de Ailá, agrupación gañadora na categoría de música tradicional da última edición dos Premios Martín Códax da música galega

Comentarios