Os Martín Códax da Música incorporan o 'Artista do Ano' e 'Artista Emerxente'

Os galardóns dos Premios Martín Códax ábrense á votación popular, ademais da profesional, segundo anunciaron desde a organización a cargo de Músicas ao Vivo. 
Maite Ferreiro e Rubén Arroxo (Foto: Nós Diario)
photo_camera IMG_0017

Este ano os Premios Martín Códax de Música, na súa novena edición, incorporan dúas novas categorías extraordinarias, 'Artista do Ano' e 'Artista Emerxente', coa intención de valorar a relevancia actual de intérpretes da Galiza nomeados. As novidades presentáronse onte no Salón Teatro de Compostela e déronas as coordinadoras do evento, Marga Ramos e Nastasia Zürcher, da directiva de Músicas ao Vivo, a asociación promotora dos premios. 

No acto tamén participaron a deputada de Cultura e Igualdade da Deputación de Pontevedra, María Alonso; o director das adegas Martín Códax, Jorge Pallares; a concelleira de Seguridade Cidadá de Pontevedra Eva Vilaverde; e o director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil. 

Pallarés sinalou a súa satisfacción despois de "dous anos duros para o gremio da música" de volver "á normalidade" e demandou non "esquecer os artistas que fan posíbel a música galega". Para o responsábel das adegas cómpre "apoiar a cultura como forma relevante de construír a identidade galega". 

Premio aberto ao público

Para participar as creadoras e os creadores interesados poderán inscribir os seus proxectos a partir do 11 de xullo até o día 31 do mesmo mes, a través da web dos premios e a entrega realizarase o 5 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra

En relación á categoría de 'Artista do Ano', a novena edición dos premios co nome do trobador galego pretende abrir o certame á participación do público para que achegue a súa valoración sobre o que consideran o artista do país máis relevante do último ano.

Pola súa parte, 'Artista Emerxente' procura valorar a proxección e potencial dun proxecto de nova creación, e o procedemento de votación deixarase en mans dun xurado profesional integrado por cinco persoas traballadoras dentro do mundo musical. Estas dúas novas categorías súmanse ás dezaseis xa existentes, aos tres Premios Organistrum e ao galardón honorífico "a toda unha traxectoria". 

As categorías completaríanse coa de Pop e Indie, Rock Blues, Funk e Soul, Metal, Canción de Autor ou Autora, Músicas Urbanas, Músicas do Mundo e Mestizaxe Electrónica, Música Clásica e Contemporánea, Jazz e Músicas Improvisadas, Música Tradicional, Música Folk, Música Infantil, Orquestras, Grupos e Música de Verbena, Coros e Grupos Vocais, e Bandas de Música Popular.

Comentarios