Máis

Botar raíces coa cultura popular: Callobre celebra a XXII edición do festival de música tradicional

O Festival Folk de Raíz volve a Callobre (A Estrada, comarca de Terra de Montes) os próximos 14 e 15 de xullo. Trátase dunha iniciativa veciñal que leva en marcha desde o ano 2000 co obxectivo de pór en valor as agrupacións musicais populares mentres continúa demostrando ano tras ano que a cultura galega e a súa música está viva e con forza.
callobre web
photo_camera Sés na XX edición do festival Folk De Raíz de Callobre. (Foto: Folk de Raíz)

Cando se xuntan un grupo de amigos e amigas, pandeiretas, un tamboril, bombos, gaitas e ganas de troula, a combinación pode ser imparábel. Ou, canda menos, iso debeu ser o que pensaron desde a  Asociación Regatos de Callobre cando no ano 2000 se aventuraron a iniciar a I edición do Festival de Folk de Raíz. Unha iniciativa que despois de 23 anos e 22 edicións, cun pequeno paro pola pandemia, mantense no tempo como unha das datas máis relevantes dentro das actividades do folk galego.

María Corral, integrante da organización do festival, sinala a Nós Diario que foi a veciñanza da parroquia de Callobre (A Estrada) a que deu comezo a este festival de música tradicional na busca dunha proposta alternativa "á festa de orquestra". Naquel momento de auxe da música folk na contorna, optaron por ofrecer unha alternativa cultural durante as festas de Santa Margarida, propias do lugar, e darlle un espazo de difusión aos grupos da zona. Despois do cambio na comisión de festas, os veciños e as veciñas que iniciaron esta tradición decidiron mantela no tempo, consolidándoa nunha data propia. Desta forma, este festival de música de raíz pasou a celebrarse entre unha e dúas fins de semana antes da conmemoración das festas locais.

Na actualidade, son arredor de dez persoas as que traballan a reo para que durante uns días a música tradicional tome todo o protagonismo. Xente que estivo desde o principio na organización do festival e cuxa vinculación ao folk lévaos ter unha relación especial con estas datas. Malia todo, indirectamente son máis as persoas que se mobilizan para levar a termo estes días de troula e tradición.

Porén, o bo traballo devolve os seus froitos pois xa hai uns anos que, ante a boa acollida do festival, tivéronse que ampliar as datas de un a dous días. Demostrando que a música popular mantense con vida. Tanto é así que no momento no que remate esta edición, axiña se porán a traballar na seguinte. Como indican desde a organización, pasados uns días tocará reunirse e "de paso que se toma algo, organizarase o folk do ano  que vén".

Nesta planificación, a cuestión orzamentaria é unha das dificultades a ter en conta. Deste modo, a venda de camisetas, a barra nos días da festa e empresas locais que colaboran co festival, así como unha pantalla con promocións do comercio da zona, son as fontes de ingresos principais dun festival practicamente autoxestionado.

Bailar, cantar e tocar

A XXII edición deste festival de música de raíz comezará mañá, 14 de xullo, no campo da festa de Callobre cunha oferta musical que, tendo en conta as bandas "de fóra", como din os organizadores, mantén presente o seu obxectivo inicial de "darlle difusión aos grupos locais". Os encargados de abrir as portas serán os membros da Asociación Cultural Rosalía de Castro de Cacheiras.

Malia todo, non iniciarán desde o escenario, senón que converterán o espazo nun torreiro pondo en valor o baile tradicional. Esta agrupación naceu do xermolo dun cuarteto de gaitas da localidade de Teo (comarca de Compostela) e destaca por ser un dos grupos folclóricos que máis anos leva loitando pola recuperación de bailes, músicas, cantigas tradicionais e traxes. Incluíndo este grupo no seu cartaz, o festival estradense mostra o seu interese pola conservación do patrimonio cultural e da tradición musical da Galiza. Algo que se ve reflectido desde todos os procesos da organización e que serve como unha das claves que explican a lonxevidade do evento.

Ese mesmo día será a quenda dos anfitrións. O grupo folclórico Regatos xoga na casa para seguir compartindo coa veciñanza e todas as persoas que se queiran achegar ás recolleitas da música popular da zona. Despois de vinte e cinco anos de experiencia continúan fieis ás súas orixes e á musica de raíz. Tanto é así que tras a publicación do seu primeiro disco Cousas nosas, decidiron non publicar as gravacións en máis formatos. Procurando  con isto unha escoita o máis tradicional posíbel.

Os encargados de fechar a noite desta sexta feira serán os Melidaos. Este grupo de Melide, alcumados como os “gaiteiros que cantan”, contan con catro discos na súa traxectoria e un repertorio que mestura pasodobres, muiñeiras, folk, foliadas, composicións propias e pezas tradicionais. Malia todo, a noite é longa e, a pesar de ser este o último grupo, non sería estraño montar un torreiro improvisado ao remate das actuacións.

A festa continúa

A segunda xornada do festival aposta pola cohesión entre a música base tradicional e a súa cara máis rexuvenecida. Así, a Banda de Gaitas de Barbude, que este ano celebra o seu cuarto de século, será a encargada de abrir o pano da última noite do festival. O grupo de gaitas coñece ben o terreo. Tamén do concello da Estrada, a agrupación chegou a contar con até 35 integrantes. Mantendo como un dos seus puntos fortes a escola de música, o que permite un traspaso xeracional despois de 25 anos en funcionamento.

Outro grupo que leva a veteranía por bandeira é a agrupación de pandeireteiras Leilía, que este ano se despiden dos escenarios cunha última xira que pasará tamén polo festival de raíz de Callobre. Co obxectivo de recuperar a tradición oral, Leilía mestura músicas populares coa incorporación de instrumentos e polifonías non tradicionais.

Ailá é outra das bandas convidadas. Con dous discos no mercado, a banda conta cun importante palmarés dentro do mundo “tradi”. Escollidos para representar á Galiza no Celtic Connections 2020 e gañadores na categoría de música tradicional na última edición dos Premios Martín Códax da música galega. Chegan o sábado á Estrada como unha das caras mozas da escena musical actual.

A Banda da Loba fecha o cartaz de dous días de troula continuada. En 2022 sacaron o seu último traballo, Xabón Lagarta e preséntanse en Callobre como un dos grupos máis heteroxéneos. María Corral asegura que o festival serve para "ofrecerlle á xente música en galego. Visibilizando que no país se fan cousas moi bonitas e que se conserva o saber popular que mantén vivos os grupos de raíz".

Comentarios