Máis

Pardiñas, a festa que pon Galiza en valor

O Festival de Pardiñas protagoniza esta fin de semana en Guitiriz tres xornadas que encherán o lugar da cultura tradicional galega en convivencia con mostras da visión musical de Euskal Herria, os Països Cataláns, Chile ou Escocia entre outros. Cunha visión transversal do folclore, a asociación cultural Os Xermolos revitaliza a festa popular coa 44 edición do seu festival.
Mostra Pardiñas 2022 (6)
photo_camera Pardiñas sempre anima a bailar. (Foto: Asociación Xermolos)

Son xa 44 edicións que o Festival de Pardiñas leva ás súas costas. Se a experiencia é un grao, a Asociación Xermolo, organizadora do evento, ten algo gañado. Tanto é así que, co tempo, foron incorporándose máis actividades, chegando incluso a sumarse novas entidades á organización, como é o caso da Asociación de Gaiteiras e Gaiteiros Galegos (AGG) que, como expón en declaracións para Nós Diario Alfonso Blanco, un dos organizadores do festival, resultou "un agasallo enorme". Nacendo a unión do recoñecemento por parte da asociación de gaiteiros do compromiso coa reivindicación da música popular da Asociación Xermolo.

Así, Guitiriz (comarca da Terra Chá) consolídase na súa defensa da cultura tradicional a partir dun festival que naceu como unha alternativa de ocio impulsada por parte da mocidade. Unha rapazada que, como explica Alfonso Blanco, "cría que non a tiñan en conta para as celebracións". Desta forma, "sentíndose creativos e considerando que tiñan algo que achegar" tomaron as rendas e comezaron con esta iniciativa que definen como "unha festa da música e da arte". Exemplo deste compromiso coa cultura galega son as 30 edicións da Mostra de Instrumentos Tradicionais, as nove dos Cantos de Taberna ou a continuidade no tempo, xa desde as orixe do proxecto, da Mostra de Artesanía.

Desde onte e até mañá, Pardiñas, e o seu “mundo de carballeiras”; como o define Alfonso Blanco, é escenario dun dos festivais folclóricos máis senlleiros da Galiza. Destacando como un dos principios que guían a súa organización o “afán de conservar a paisaxe e respectar a súa acollida”, incidindo na comunicación coa natureza como un dos obxectivos do festival.

Actuacións musicais, obradoiros, acampada de balde, actividades deportivas... Unha programación que serve como mostra do crecemento continuado do evento. Algo que desde a organización explican polo compromiso do voluntariado e o "apoio de homes e mulleres da cultura". Alfonso Branco salienta así que o que se pretende co festival é que “as persoas poidan achegar o que saben e aquilo do que son capaces porque as artes hai que compartilas”, chegando a asegurar que en Pardiñas son “un pobo de artistas” e remarcando que “desde calquera idade se pode ofrecer cultura”.
As xornadas comezaron onte cos Cantos de Taberna, mais hoxe a carpa abre desde as 11.30 horas até ben entrada a madrugada de mañá para inaugurar as actividades paralelas, iniciando a festa co pregón de apertura da Mostra de Instrumentos Artesanais a cargo de Xaneco Tubío.

Labrando músicas

No marco dun festival que aposta pola integración do folclore da Galiza co dos Països Cataláns e o de Euskal Herria ou a tradición musical latinoamericana e céltica, os encargados de tocar a primeira nota serán os vascos de Xirolarrua, pondo en valor a gaita de bote. Mais este é só un dos concertos das xornadas que, neste caso, resulta parte da oferta da Mostra de Instrumentos.
Unha actividade que conta cun cartaz propio no que se inclúe un obradoiro de txalaparta, outro de xogos bailados e un último de baile tradicional. Todo isto completado por espectáculos musicais e sesións vermú a cargo de grupos como Pandereteiras de Brincadeira ou Os Carunchos. Sempre co foco posto nos máis de 30 artesáns de toda a Galiza que se achegarán até o lugar, onde tamén se realizarán demostracións de construción de palletas e pallóns. Unha Mostra de Instrumentos que, ademais, conta co seu propio documental, Labrando músicas, no que se recolle a traxectoria dos seus 30 anos de historia.

Pola súa parte, a Mostra de Artesanía non queda atrás na súa proposta cultural, cunha programación especial na que destaca o Obradoiro de danzas Bretoas, a actividade de improvisación oral Regueifa na Chá ou o espectáculo infantil de circo colombiano Cirquack. Unha actuación á que Alfonso Blanco lle concede especial importancia, destacando a “loita pola liberdade a través da cultura” do grupo e asegurando con isto que “a arte non é un prato illado, senón que depende da historia pola loita da identidade de cada pobo”.

O torreiro da festa

A partir das 20.30 horas o torreiro da festa transfórmase para dar espazo aos concertos principais. Dez actuacións nas que se mesturan os sons de cinco grupos galegos e cinco internacionais que teñen como eixo común o respecto pola música e a cultura tradicional dos seus territorios. Algo que Alfonso Blanco explica coa configuración dun cartaz que “pon en valor as raíces, a identidade e o diálogo con músicas e culturas doutros pobos”. Destacando neste sentido a emigración de parte da veciñanza de Guitiriz que, durante estes días, regresa á vila. Coa súa percusión afrobrasileira influenciada pola samba-reggae e a samba-afro, o grupo Bloquinho de Xermolos inicia unha noite de troula na que os sucede a versatilidade da gaita de Boroa, a revolución da música tradicional escocesa dos 90 de The Poozies ou a capacidade de navegar polos distintos xéneros musicais da zanfona de Guilhem Desk.

A noite féchaa o rock asturiano de La Tarrancha e o rap en galego de Rebeliom do Inframundo, dúas propostas para mover o corpo ao ritmo da música. Malia todo, a festa aínda non remata aquí. 
Mañá é a quenda da dozura do violín e o acordeón de Caamaño & Ameixeiras, que desta volta veñen moi ben acompañadas do trío vigués Caldo, capaces de mesturar melodías tradicionais con pezas propias da música europea atlántica. O cantante, bailador e coreógrafo Xisco Feixoo é o seguinte en subirse ao escenario, que despois de anos realizando un inmenso labor de recuperación etnográfica, chega a Guitiriz co seu último traballo, Peixe. O ritmo electrónico de Calle Mambo e a forza da sección de metais de La Trocamba Matanusca poñen o broche de ouro a estes tres días de troula que se complementan coa xa tradicional carreira popular do festival e o aberto de billarda.

Alfonso Blanco non perde a oportunidade para destacar o sentimento de familia que se produce entre a organización e todos e todas as asistentes. Así, destaca que “cada vez se ve máis emoción e ilusión”, asegurando con iso un traspaso xeracional na organización e favorecendo que o Festival de Pardiñas siga sumando anos e música. 

Comentarios