O Sermos repara en Xosé A. Touriñán, un dos actores galegos con máis proxección e éxito

O número desta semana inclúe unha reportaxe sobre o papel que xogou a Galiza na Segunda Guerra Mundial. Aliás fálase da teosofía nos debuxos da revista 'Nós'. Pregunta polo teu semanario mañá nos quiosques!
Imaxe da entrevista a Touriñán que recolle o semanario. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe da entrevista a Touriñán que recolle o semanario. (Foto: Nós Diario)

O actor e cómico Xosé A. Touriñán é o gran protagonista do Sermos Galiza deste sábado, que chega ás rúas centrado na traxectoria deste artista multidisciplinar que ten conquistado ao público do país e vai camiño de conseguir o mesmo en todo o territorio do Estado español.

Coa estrea do filme Cuñados como tema principal, en 'Touriñán. Máis aló da comedia televisiva' este galego de éxito e con gran proxección de cara ao futuro fala doutros puntos de inflexión na súa carreira como a serie Fariña, a adaptación teatral de idéntico título e tamén do humor.

O xornalista Manuel Xestoso pon sobre a mesa interrogantes como a audiencia, o xerme do monólogo...

No entanto, para ir abrindo boca o semanario presenta, da man de Lois Alcayde, a reportaxe 'Todas as guerras do noroeste. O papel da Galiza na Segunda Guerra Mundial'. As e os amadores das conspiracións están de sorte porque no texto cóntanse historias de nazis, aliados, confidencias... co país de fondo.

O outro gran tema desta semana é 'A teosofía nas ilustracións de 'Nós'. A ascese a través da árbore cara ao Graal e á luz', unha peza asinada por Felipe Senén.

Nesta ocasión as e os lectores poderán Andar e ver 'De Viveiro á praia da Abrela' con Adela Leiro, Mon Daporta e Xan Colazo, do Colectivo Xea.

Tampouco faltarán as críticas sobre os libros (Mario Regueira e Susana Sanches Aríns); a música (Belém Tajes e César Morán); o cinema (Andrés Castro) e a escena teatral (Manuel Xestoso). Para rematar, colle un lapis e resolve os pasatempos de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Como podes gozar de todos estes contidos? Só tes que achegarte ao teu quiosque e mercar o Sermos Galiza que acompaña ao número de mañá de Nós Diario. Tamén estará dispoñíbel na nosa loxa en liña, mais non adíes a túa subscrición!

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios