Sermos Galiza pon o foco no papel de Pardo Bazán no feminismo e na literatura galega

O novo número do semanario tamén garda espazo para a arquitectura e a arte, coas figuras de Portela e Pérez Porto destacadas. Se queres gozar de todos os contidos poderás atopar o caderno á venda este sábado.
Unha parte da reportaxe sobre Emilia Pardo Bazán. (Foto: Nós Diario) #maríapilargarcíanegro #emiliapardobazán #literatura #publicación #alvarellos
photo_camera Unha parte da reportaxe sobre Emilia Pardo Bazán. (Foto: Nós Diario)

Este sábado tes unha nova cita co Sermos Galiza. No número que vai saír do prelo a intelectual Pardo Bazán é a gran protagonista.

En 'Emilia Pardo Bazán e a Galiza', a escritora e docente María Pilar García Negro fornece pequenos detalles da que é a súa última obra: Galiza e o feminismo en Emilia Pardo Bazán.

O volume, que está a piques de publicarse baixo o selo da editora Alvarellos fai un percorrido por algúns dos asuntos polémicos que arrodean á coruñesa cando se chega ao centenario do seu pasamento.

García Negro fai unha reflexión ampla, na que alude a aspectos tan dispares como o trato de Pardo Bazán a Rosalía, a súa orientación política, o seu papel no feminismo, a actitude que tiña cara a lingua e a literatura galega, se se sentía máis liberal ou máis conservadora...

Todo o vas atopar nunha peza na que María Pilar García Negro agradece as achegas que permitiron o nacemento do libro.

Arquitectura e figuras

En 'César Portela. Diálogo coa tradición', o xornalista Manuel Xestoso entrevista ao arquitecto que hai pouco foi elixido para entrar na Real Academia Galega de Ciencias como académico.

Antes só houbo un precedente, o de Rafael Baltar, polo que ambos conversan a este respecto. Tamén saen preguntas sobre a relación entre urbanismo e arquitectura, a herdanza arquitectónica galega, o patrimonio, a crise ou os proxectos máis queridos.

Pola súa parte, Lois Diéguez fixa a súa escrita nun ceramista de renome e titula 'Espazos e figuras de Pérez Porto', unha reportaxe na que este artista afincado en Fene reflexiona sobre a evolución das súas formas e amosa pezas moi recoñecidas do seu traballo.

Pasear, ler, escoitar...

Nesta ocasión, entre visitas á praia e sardiñadas, o Colectivo Xea -Adela Leiro, Xan Colazo e Mon Daporta- propoñen ir coñecer e camiña 'A Guarda. Un litoral entre o Miño e o Atlántico'.

Na sección de libros Mario Regueira analiza a obra A metamorfose do comunismo na China do galego Xulio Ríos. Aliás, Manuel López Foxo repasa Ánxel Casal e o libro galego, da autoría de Francisco Fernández del Riego para Edicións do Castro.

Da man da música chegan Herminio González e Jasper, que falan dos traballos de Ocenpsiea e Bala. Andrés Castro relata, entre outras pezas, o argumento do filme Un lugar tranquilo 2 de John Krasinski.

Na sección de arte Carlos L. Bernárdez afonda na obra de Din Matamoro exposta no Marco de Vigo e en Aquelas galegas Cilia Torna atende á figura de 'Milia de Wessex, mar de por medio'.

Fechan o semanario, como cada semana, os divertidos pasatempos de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Que tes que facer se queres gozar de todos estes contidos? É sinxelo: este sábado pide no teu punto de venda habitual o semanario Sermos Galiza que acompaña Nós Diario ou merca a través da nosa loxa en liña. Mais se queres aínda menos traballo é tempo de que fagas a subscrición xa mesmo!

Comentarios