Sermos Galiza entrevista a Concha Blanco, gañadora da Letra E de AELG

O semanario tamén fai un repaso pola realidade dos festivais poéticos da Galiza na situación de crise sanitaria e propón saber máis sobre os proxectos arquitectónicos de Sabín e Blanco. Se non queres perder estes contidos, non faltes mañá á túa cita co quiosque.
Imaxe da entrevista a Concha Blanco. (Foto: Nós Diario) #sermosgaliza #sermos #conchablanco #aelg #literatura
photo_camera Imaxe da entrevista a Concha Blanco. (Foto: Nós Diario)

Como cada sábado, mañá tes unha cita co teu Sermos Galiza, mais se aínda tes dúbidas sobre se debes correr ao quiosque para mercar o semanario, velaí vai un avance dos contidos que che van dar amplos temas de conversa.

Neste número, Tensi Xesteira propón pescudar a realidade da Galiza en verso en 'A poesía tras a pandemia'. A autora abre un amplo abano de posibilidades para as e os afeccionados a este arte falando con representantes de festivais como Alguén que respira!, o senlleiro evento do Condado ou o debutante de Guitiriz. Entreverbas e o Poemagosto tamén teñen a súa parte de protagonismo.

A escrita segue de fío condutor para a seguinte proposta, desta vez da man de Montse Dopico. A xornalista fornece 'Concha Blanco: a forza do empeño', unha entrevista coa gañadora do premio Letra E que promove a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

Antes de recibir unha merecida homenaxe en Cee, esta creadora de historias fala das súas obras, da inspiración, da realidade que puido observar nas aulas cando era mestra, ou do que sentiu ao ter este recoñecemento, entre outras cuestións.

Pola súa banda, Iago Valverde aposta novamente na arquitectura compartindo reflexións con dous profesionais en 'Sabín-Blanco. Lume Lento'. No texto Enrique Blanco e Patricia Sabín repasan algúns dos seus traballos e aclaran que lles gusta tomar con paciencia cada proxecto. Ao igual que gozan da divulgación da súa profesión.

No Andar e Ver hai que ir un pouco máis rápido para ver todos os detalles do percorrido en 'O Coto dos Mouros', primeiro explorado polo Colectivo Xea formado por Adela Leiro, Mon Daporta e Xan Colazo.

Non esquezas que tamén vas ter unha serie de recomendacións para ocupar o teu tempo de lecer. Mario Regueira e Inma Otero Varela reparan nos libros mentres que Mario Vilariño e Belén Bermejo fan as súas propostas musicais. Aliás, Andrés Castro fai a súa escolma sobre cinema.

Case para rematar con bo sabor de boca, Anxo Fole e Vide, Vide fan a súa particular maridaxe entre cociña e viño. E fechan o semanario Xerardo R. Roca e Xoán Costa co seu saber feito pasatempos.

Xa estás convencida de que precisas o Sermos Galiza? Pois non tes máis que acudir ao teu punto de venda habitual e pedilo acompañado polo Nós Diario de mañá ou procuralo na nosa loxa en liña. Dáche preguiza? Xa podes adiantar traballo facendo a subscrición agora.

Comentarios