A homenaxe á escritora Concha Blanco terá lugar o sábado en Cee

Faranlle a entrega da "Letra E" da AELG
A escritora Concha Blanco. (Foto: María Canosa) #conchablanco #escritora #literaturainfantilexuvenil #sermosgaliza #mestra #aelg #cee #letrae #literatura #cultura
photo_camera A escritora Concha Blanco. (Foto: María Canosa)

Concha Blanco será a homenaxeada na XXVII edición de "A escritora na súa Terra", impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Este sábado, no concello de Cee, terá lugar esta iniciativa anual "que recoñece a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos", explican desde a asociación. 

Concha Blanco foi profesora de Lingua Galega e Literatura, correspondente de prensa e unha das primeiras autoras de materiais didácticos para o ensino galego. 

Blanco realizou numerosos traballos de diferentes especialidades: literatura infantil-xuvenil, onde se atopan títulos como  A ventura das cores, Macedonia de versos ou Feminino singular, en plural; narrativa, Nano ou O balcón do meu universo; material didáctico e libros de texto para alumnado de primaria e secundaria. Tamén participou nun gran número de obras colectivas como Catro contos para unha data, Lecturas de aquí e acolá ou Vivir un soño repetido. Homenaxe a Lois Pereiro.

Entre os seus traballos, atópanse obras como A vaca titiriteira, A pantufla de Celia ou A min que me importa!, que foron traducidos a outros idiomas.

Acadou numerosos premios, entre eles, o Premio Lecturas de Gálix en 2002 e o Premio Frei Martín Sarmiento en 2020 polo seu libro Macedonia de versos.

Na súa autobiografía publicada na páxina web de AELG, Blanco explica que ademais de  ler e escribir gústalle "desordenar e ordenar, escoitar a radio desde a cama, ter encontros con nenas e nenos, falar por teléfono, observar a natureza, comer tortilla de patacas ou croquetas de Ana Villar, ver programas de entrevistas, imaxinar por dentro as persoas, escribir dentro do coche, deitarme e erguerme tarde, pasear pola praia da Langosteira á beira do mar, pero sobre todo, o que máis me gusta é soñar", escribe a homenaxeada.

Entrega do galardón "Letra E"

A homenaxe comezará o sábado ás 11.15 horas na Praza Concha Blanco de Cee, descubrindo un monólito conmemorativo e a plantación do pradairo/acer, árbore simbólica elixida por Blanco.

A continuación diso haberá unha actuación da Banda de Música de Cee e a seguir, inaugurarase oficialmente a praza co nome da autora. Xa na Casa da Cultura, ás 12.30 horas, farase acto da entrega do galardón "Letra E". A xornada rematará cun xantar de confraternidade no Restaurante Hotel Oca Insua Costa da Morte. 

Comentarios