A Semana de Cine Euroárabe AMAL 2022 pon a dignidade humana no foco

A actriz e activista Hajar Brown e a xornalista e escritora santiaguesa Leila Nachawati serán as relatoras do coloquio “Típico, tópico e utópico: A muller árabe contemporánea”, moderado. pola xornalista Ana Pardo de Vera.
Un fotograma de 'Farha', de Darin J. Sallam.
photo_camera Un fotograma de 'Farha', de Darin J. Sallam.

A vixésima Semana de Cine Euroárabe AMAL 2022 celebrarase entre os días 24 e 29 de outubro no Teatro Principal de Santiago, centrada no "respeto á dignidade humana a través de temáticas sobre a muller e a infancia". Proxectaranse cinco filmes que poderán verse nun único pase ao día ás 21 horas. 

AMAL 2022 comeza o día 17 cunha charla-coloquio, "Típico, tópico e utópico: A muller árabe contemporánea", cuxo obxectivo é que os asistentes poidan coñecer realidades e testemuños de mulleres árabes que viven na Galiza e no resto do Estado.

As relatoras serán a actriz, modelo, influencer e activista Hajar Brown, e Leila Nachawati, profesora de Comunicación da Universidade Carlos III de Madrid e doutora en Investigación de Medios, quen falará da súa propia experiencia, nun encontro moderado pola a xornalista e escritora Ana Pardo de Vera

A primeira sesión de cine de AMAL 2022 será o día 25, coa longametraxe de ficción 1982, de Oualid Mouaness, unha historia de amor entre cativos que ten como fondo o inicio da guerra do Líbano; o día 26 o documental Os capitáns de Zaatari, de Ali El Arabi, relata a historia de dous amigos sirios que viven nun campo de refuxiados de Xordania, e que soñan con se converteren en xogadores de fútbol profesional; o día 27, Farha, de Darin J. Sallam, conta a historia dunha rapaza de 14 anos que soña con ir á escola e abandonar a vida no campo: os seus soños saltan polo aire cando as forzas de ocupación israelís invaden a súa vila.

O 28, o documental Mayor segue os pasos de Musa Hadid, alcalde de Ramallah, capital de facto e centro cultural do Estado palestino; e o sábado 29 a ficción You resemble me, de Dina Amer, fala dunha moza que medra nos suburbios de París cunha vida marcada polos abusos, a pobreza e a marxinación. 

Comentarios