Máis de cincuenta filmes se proxectan no certame da cidade olívica

O Primavera de Cine de Vigo sitúase na primeira fila dos festivais da Galiza

O festival Primavera de Cine proxecta unha cincuentena de filmes e acolle a varios obradoiros gratuítos para todas as franxas de idade.
'Atalaia / Piueiro', de Xisela Franco, está presente no programa desta edición do Primavera de Cine.
photo_camera 'Atalaia / Piueiro', de Xisela Franco, está presente no programa desta edición do Primavera de Cine.

Chegada a súa undécima edición, o festival Primavera de Cine de Vigo vén de dar un paso adiante que o sitúa na primeira liña dos festivais cinematográficos da Galiza, cun programa no que destacan as novas xeracións de cineastas do país. 

Máis de medio cento de filmes de cineastas como Diana Toucedo, Eloy Domínguez Serén, Xisela Franco, Carla Andrade, María Ruído ou Lucía Estévez, entre outros, agrúpanse nas seccións “Eu tamén navegar”, “Há mais futuro que passado”, “Mistura de centeo”, “O rexurdir da terra asoballada” e “Ondas do mar de Vigo”. As proxeccións que comezaron o pasado día 13 tiveron lugar até onte no Museo de Arte Contemporánea (MARCO) da cidade olívica, entre as esculturas de Leiro. 

No momento en que falamos con ela, Ana Gontad, directora do certame, está expectante ante o comezo das sesións no Auditorio Municipal. "Estamos moi gratamente sorprendidas coa aceptación que tiveron as proxeccións no MARCO. Enchéronse todas as sesións e iso marca unha gran diferenza cos dous últimos anos, nos que por causa da pandemia a asistencia baixara notabelmente. Agora veremos que pasa no Auditorio, que está algo afastado socialmente do centro da cidade". 

A fenda de xénero 

Gontad explica que a aposta deste ano é o resultado dun axuste "no que se quixo pór o foco en cada un dos traballos. Adecuamos o programa ao orzamento e resultou unha selección de cinema galego absolutamente fantástica, con nomes moi potentes". E chama a atención sobre unha característica da selección: "Hai unha enorme presenza feminina que non foi buscada, senón que xurdiu dunha forma absolutamente natural. Pero dá que pensar que os nomes femininos son maioría, e con obras marabillosas, na sección de curtas, mais cando nos fixamos en quen dirixe as longametraxes vemos que son os homes os que contan aí coa maioría de oportunidades. Na propia programación do festival podemos testemuñar esa fenda que segue a existir no cinema". 

O Primavera de Cine, que continuará desenvolvéndose até o vindeiro domingo 18, premia, ademais, este ano, o labor do Cineclube Lumière, que leva case trinta anos transmitindo paixón polo cinema en Vigo. 

"O vindeiro ano é o trixésimo aniversario do Lumière, que presenciou cambios enormes na produción e na distribución no cinema nestes anos pero que permaneceu todo ese tempo ofrecéndolle á cidadanía o mellor cine non comercial que se estaba a facer en cada momento, como unha institución que permanece como esteo da cinefilia da cidade". 

Gontad tamén reivindica o papel do cinema na carreira de María Casares, outra das figuras homenaxeadas nesta edición do festival a través da proxección da película Orfeo, de Jean Cocteau. "En xeral, o centenario de Casares estase centrando na súa carreira teatral, o que é, en certa forma, lóxico. Mais as películas que rodou en Francia nos anos 40 foron moi relevantes para a proxección internacional da súa figura: rodou con Marcel Carné, Cocteau, Bresson... Orfeo é unha obra magnífica, moi poética e moi representativa do cine que facía na altura, e queriamos que estivese presente no festival".   

Un viveiro para novas xeracións de cineastas e públicos

O festival Primavera de Cine non se conforma con ser un espazo de proxeccións e quere contribuír tamén á formación de novas cineastas e de novos públicos. Entre as actividades paralelas do certame cóntanse varios obradoiros, entre os que destaca o que imparte o director Fon Cortizo -gañador do Premio á Mellor Dirección o ano pasado por 9 fugas- sobre guión cinematográfico. Ou os dirixidos a familias -que terán lugar durante a fin de semana e son gratuítos-, o obradoiro de cinema expandido coordinado por Cris Lores (o domingo 18 ás 17 horas) e o Paper Cinético dirixido por Belén Veleiro (que terá lugar o sábado 17 ás 17:30 horas), nos que se construirán aparellos precinematografícos como zoótropos ou teatros de sombras e se familiarizará ás e aos máis pequenos co celuloide. 

Comentarios