O Curtocircuíto achega a Compostela as novas linguaxes cinematográficas

A capital galega reúne referentes internacionais do cinema de autoría.
Sesión inaugural da XIX edición do festival Curtocircuíto; na imaxe, a directora Pilar Palomero e o director do festival, Pela del Álamo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Sesión inaugural da XIX edición do festival Curtocircuíto; na imaxe, a directora Pilar Palomero e o director do festival, Pela del Álamo. (Foto: Nós Diario)

Este domingo finaliza en Santiago de Compostela a 19ª edición do Festival Internacional de Cine Curtocircuíto. O certame, organizado polo Concello de Santiago coa colaboración da Deputación da Coruña, a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) e o Instituto Cinematográfico e das Artes Audiovisuais (ICAA), é unha das citas cinematográficas máis importantes da Galiza.

O festival Curtocircuíto trae cada ano á capital do país propostas artísticas a nivel internacional. Neste sentido, o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, afirmou durante a presentación do programa que a cultura debe ser “unha ventá aberta ao mundo, un espazo de liberdade e creatividade no que convivir uns de outros”.

Unha máxima que o certame defende como eixo fundamental tanto na escolla da nómina de artistas e propostas cinematográficas que participan en cada edición, como no deseño organizativo do evento.

Pilar Palomero inaugurou o festival

La maternal, peza audiovisual da directora Pilar Palomero, foi a encargada de abrir  o Curtocircuíto o pasado día 1. Após o seu paso polo Festival de San Sebastián, a segunda obra de Palomero chegou a Compostela para ser estreada na Galiza. A cineasta sacou á luz  en 2020 o seu primeiro traballo, Las niñas. Unha longametraxe que obtivo catro premios Goya á Mellor Película, Mellor Dirección Novel, Mellor Guión Orixinal e Mellor Dirección de Fotografía. A propia Pilar Palomero asistiu á proxección de La maternal no Teatro Principal para, a continuación, impartir unha sesión maxistral aberta para o público asistente.

Cinema de autoría e novas linguaxes

O Festival Curtocircuíto aséntase sobre as bases do cinema de autoría, as linguaxes contemporáneas e as “artes vivas”. A organización do certame intenta deseñar unha “experiencia de inmersión” a través de distintos niveis, que van desde as actividades centradas no ocio e na diversión dos espectadores e espectadoras, até outras que abordan a cultura cinematográfica desde o pensamento e o debate. Todo co obxectivo de “xerar unha experiencia presencial que non pode ser substituída por visualizacións domésticas en plataformas VOD (video on demand en inglés) nin noutros espazos dixitais”.

En canto as diferentes seccións que conforman a programación do certame cinematográfico, a organización volveu apostar pola combinación de directores e directoras galegas con nomes do panorama estatal e internacional. Exemplo disto é a sección 'Explora', unha das máis recoñecidas do Curtocircuíto, que nesta edición contou cos nomes de Lois Patiño, Deborah Stratman, Sasha Litvintseva, Pedro Maia, Ben Russell, Peter Tscherkassky e Joseph Wilson, entre outros e outras cineastas.

Homenaxe a Eugenio Granell

O Festival Curtocircuíto tivo tamén un espazo especial dedicado a homenaxear o artista Eugenio Granell, nado en Compostela en 1912. O 2 de outubro o Teatro Principal acolleu o ciclo Film Granell. A nova restauración da obra cinematográfica de Eugenio Granell, no que o público acudiu á proxección de varias longametraxes dirixidas polo creador entre 1960 e 1980. As películas foron recuperadas pola escola Elías Querejeta Zine Eskola en colaboración coa Fundación Eugenio Granell.

Todd Solondz visita hoxe o festival Curtocircuíto

A programación do festival Curtocircuíto ten marcado para hoxe, como unha das principais actividades, un ciclo deseñado polo cineasta Todd Solondz, que recolle longametraxes de Kenneth Anger, Paul Bartel, Satyajit Ray, Robert Butler, Paul Morrisey, George Waggner e Herschell Gordon Lewis. Ademais, o propio Solondz estará presente en Santiago de Compostela para manter un encontro co público. Terá lugar tamén hoxe, ás 17.30 horas, no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios