Máis de 200 obras de diferentes países inscritas para o XVIII Festival de Cans

Por vez primeira o festival, que se celebrará en setembro, superará os 10.000 euros en premios.

Festival de Cans
photo_camera Festival de Cans

O Festival de Cans, cuxa XVIII edición terá lugar este ano do 1 ao 4 de Setembro, pechou esta semana o prazo de inscrición para concursar nesta edición, logrando superar as 200 obras. En total, 208 curtametraxes, videoclips e obras diversas.

Inscribíronse un total de 69 obras de ficción, 76 videoclips, 36 obras de non ficción na categoría ‘Furacáns’, 9 curtametraxes de animación e 18 obras de diferentes formatos, que van das webseries ás videocreacións.

As obras inscritas proceden da Galiza, de cidades do Estado como Madrid, Barcelona, Bilbao ou Valencia e de diferentes países, onde desenvolven o seu traballo moitas e moitos creadores galegos, como Reino Unido, Portugal, Estados Unidos, Alemania e mesmo Brasil.

Por vez primeira na súa historia, o festival superará a cifra dos 10.000 euros en premios, “facendo un esforzo por non reducir en ningún caso esta aportación tan necesaria para premiar o labor de creadoras e creadores, que están a atravesar momentos moi difíciles nos últimos meses”.

Agora mesmo, desde a organización comezarase un  proceso de visionado das obras, e un traballo para seleccionar aquelas que estarán na competición oficial.

A organización informa que están a preparar esta edición “con prudencia, para adaptar o festival en función da evolución da pandemia, que agora mesmo está sendo esperanzadora”.

O Festival de Cans informa que continúa buscando apoios e patrocinios, e lanza un ano mais a campaña "Apadriña ou amadriña un jalpón", para patrocinar os `jalpóns´de proxecións mais emblemáticos do certame.

Comentarios