Análise

Tarde memorábel no Festival de Cans

A tarde do 2 de setembro de 2001 no Festival de Cans tivo como protagonistas dous octoxenarios xa ilustres: Xosé Manuel Beiras e Ian Gibson. O primeiro, como personaxe do documental Beiras, vivir 2 veces. O segundo, de Onde acaba a memoria, un filme que narra a súa peripecia mentres escribe o seu libro sobre Luís Buñuel. 
Jorge Coira presentando 'Beiras, vivir 2 veces', xunto ao propio Xosé Manuel Beiras. (Foto: Úrsula Casas) #jorgecoira #xosémanuelbeiras #documental #festivaldecans #cans
photo_camera Jorge Coira presentando 'Beiras, vivir 2 veces', xunto ao propio Xosé Manuel Beiras. (Foto: Úrsula Casas)

A tarde do 2 de setembro de 2021 quedará marcada na historia do, xa maior de idade, Festival de Cans como un dos seus momentos cumios. Unha tarde que tivo de protagonistas dous octoxenarios ilustres en respectivas longametraxes documentais. Unha dedicada por completo a Xosé Manuel Beiras, baixo o titulo Beiras, vivir 2 veces; e outra, titulada Onde acaba a memoria, co biógrafo e historiador Ian Gibson como protagonista. Dúas longas de enfoque diferente mais cun nexo en común: a voz da experiencia.

Beiras, vivir 2 veces está dirixida por Gaspar Broullón, Pepe Coira e Jorge Coira, o “Pedigree de Honra” desta edición “dous rombos” do Festival de Cans, producida por Ollo Vivo e cunha xenerosa lista de mecenas. Un documental feito coa intención de se achegar ao “Beiras persoa” e non ao “Beiras personaxe”. E faino a través das súas propias verbas, de conversas diversas cos seus achegados, de fotografías, mapas... Eses mapas... Uns mapas utilizados por Beiras para situar a historia, apoiar a narrativa, en definitiva, contar... Unha maneira de contar, esta, propia doutra época e que, para un servidor, foi como estar vendo o meu avó Emilio contándonos aos netos, de maneira minuciosa e sen perder detalle, que é o que facía durante as súas viaxes.

Un documental que non trata de branquear Beiras, nin xulgalo, nin idealizalo... Un documental sobre un pensador, un filósofo, un economista que acabou dedicándose á política pero que ben podería ter sido un gran pianista. Un documental que, após esta preestrea, terá o seu percorrido nas salas comerciais do país.

Ao remate do coloquio cos directores e co propio Beiras, houbo tempo para presentar as primeiras imaxes, en exclusiva, de Proxecto Emperador, o próximo thriller de Vaca Filmes dirixido, desta volta, por Jorge Coira e protagonizado por Luís Tosar. O certo é que promete...

Sen apenas tempo para tomar un refrixerio e ir ao baño, tocou a quenda de Ian Gibson, que chegou en chimpín xunto á súa parella Carole Elliott, o director Pablo Romero-Fresco, o produtor e compositor Xavi Font e unha animosa comitiva do máis agroglamourosa que quixo acompañar a estrea mundial de Onde acaba a memoria.

O documental de Pablo Romero-Fresco parte da viaxe que o propio Gibson fai seguindo os pasos de Luis Buñuel, en 1933, a Las Hurdes para rodar Tierra sin pan, controvertida curtametraxe sobre a miseria humana (en todas as súas acepcións) narrada por Paco Rabal. Non se trata dun filme arredor de Buñuel, nin sobre a historia do cinema, que tamén... Trátase dunha biografía do historiador Ian Gibson, firme defensor dunha República Ibérica, mentres realiza unha biografía sobre Buñuel co gallo de completar a súa triloxía Lorca-Dalí-Buñuel. Un documental con grandes momentos, algúns surrealistas (o señor das abellas), outros devastadores (a estrada do ‘paseo’ de Lorca), outros abraiantes (o momento fan nas localizacións onde rodou Buñuel) e outros reivindicativos (o feche). Un filme, curiosamente, moito máis político que o de Beiras... A ovación final durou todos os créditos.

Unha tarde memorábel no Festival de Cans... e o mellor está por vir.

Comentarios