O Festival de Cans recupera en 2022 o seu mes habitual: será en maio

A organización do certame xa anticipou a veciñas e veciños, institucións e patrocinadores as datas da nova edición, que terá lugar do 18 ó 21 de maio.

Festival de Cans (Alberto Barahona).
photo_camera Festival de Cans (Foto: Alberto Barahona).

A XIX edición do Festival de Cans regresará en 2022 ás súas datas habituais de primavera, e terá lugar entre 18 e 21 de maio, volvendo a coincidir en datas co Festival de Cannes francés, como xa é tradición.

Estas datas foron decididas pola asemblea da Asociación Cultural Arela, entidade organizadora do certame, e así o foi anticipando nos últimos días a veciñas e veciños que prestan as súas casas e ‘jalpóns’, ás principais institucións que apoian o certame, así como ós patrocinadores privados e empresas colaboradoras.

A organización vén traballando nas últimas semanas nos contidos e no deseño do que será a XIX edición, que seguirá inicialmente as liñas das dúas últimas edicións, dando maior relevancia ás proxeccións de cine, ás actividades, aos encontros e coloquios e ás actividades diurnas, sen renunciar ás actuacións musicais que configuran unha das partes relevantes do certame.

Festival de Cans acadou na súa última edición de 2021, a cifra de 7.500 espectadores. Desta cifra, unhas 6.000 persoas asistiron de forma presencial ás proxeccións, concertos e actividades

A experiencia adquirida nas dúas últimas edicións marcadas pola pandemia, leva á organización a traballar en paralelo cunha marxe para tomar decisións en cada momento, de acordo co que vaia determinando as autoridades sanitarias.

Malia as circunstancias derivadas das restricións impostas, o Festival de Cans acadou na súa última edición de 2021, a cifra de 7.500 espectadores. Desta cifra, unhas 6.000 persoas asistiron de forma presencial ás proxeccións, concertos e actividades do festival, e outras 1.500 persoas conectáronse de modo virtual a algunha das seccións de curtametraxes ou coloquios en streaming a través das canles de difusión do certame, vía que seguirá a potenciar na vindeira edición do mes de maio.

O Festival informa que realizou o pasado ano 121 contratacións laborais e contratou servizos a case 50 empresas locais, ademais de contratar directamente 140 habitacións a diferentes establecementos hoteleiros.

Outra das actividades que o Festival impulsou neste 2021 foi o ciclo "Cinemaldea", que levou unha selección das curtametraxes premiadas en Cans a todas as parroquias do Porriño, acadando a cifra de 250 persoas que asistiron presencialmente a estas proxeccións, co ánimo de achegar o cinema ao rural.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios