Margarita Ledo Andión levará o Pedigree de Honra 2022 do Festival de Cans

A directora de 'Nación' foi escollida asemblea pola Asociación Cultural  Arela, organizadora do festival, no que tamén recibirán galardóns Federico Pérez, Javier Tolentino e unha veciña e un veciño de Cans. 
A xornalista, directora e catedrática Margarita Ledo Andión (Foto: USC).
photo_camera A xornalista, directora e catedrática Margarita Ledo Andión (Foto: USC).

Margarita Ledo Andión recibirá o Can de Pedra e colocará a súa estrela no torreiro de Cans na próxima edición do festival, que terá lugar entre o 18 e o 21 de maio.

A asemblea da Asociación Cultural  Arela, organizadora do evento, acordou conceder a súa distinción de honra, o premio Pedigree, á escritora, cineasta e investigadora Margarita Ledo, unha das autoras, segundo explica a organización nun comunicado, "cun traballo máis transversal no cinema galego". 

Con este premio preténdese recoñecer unha obra "caracterizada pola defensa da lingua, a visibilidade das mulleres anónimas e a intención de reconstruír a identidade dun país, rescatando a memoria borrada". Ademais, salientan da directora de cinema a súa "interesante mirada" e a súa evolución desde o documental "a novas vías de exploración coa ficción". 

Galardóns á traxectoria 

A xornalista, directora, poeta e catedrática vén de recibir varios galardóns e recoñecementos nos últimos meses. O último foi o pasado 19 de marzo cando recolleu o premio de honra Fernando Rey da XX edicións dos Mestre Mateo en recoñecemento á súa traxectoria "comprometida" coa reflexión, a creación, o feminismo e a lingua. Ledo conseguiu varios recoñecementos coa súa última película, Nación (2020), e dirixiu con anterioridade outros traballos como Santa Liberdade (2004), Liste, pronunciado Líster (2007) ou A cicatriz branca (2012).

O premio Pedigree 2022 irá acompañado dunha retrospectiva da súa creación de curtametraxes e narrativa experimental, rescatando tamén algunha obra inédita. 

Federico Pérez Rey e Javier Tolentino

Por outro lado, o Festival de Cans confirmou tamén o recoñecemento a Federico Pérez Rey co Chimpín de Prata 'Premio Pepe Puime'. O actor, guionista e monologuista é un dos rostros máis populares da Galiza. Fíxose moi coñecido pola súa intepretación en numerosas series emitidas na TVG.

O outro galardón será para o xornalista cultural e director cinematográfico, Javier Tolentino, finalista na última edición dos Premios Goya polo seu documental Un blues para Teherán.

Finalmente, os galardóns para a veciñanza de Cans estarán representados por Marisol e Fonso, recoñecidos este ano co Premio Divina Campos. Trátase de veciñas e veciños que colaboran co festival, para o que ceden un baixo onde se proxectan curtametraxes desde hai varias edicións.

Comentarios