Sargadelos fecha o Museo Carlos Maside pola solicitude de ampliar o BIC

O Goberno de Sada insiste en que co aprobado o pasado 31 de agosto cos nove votos da esquerda (Sadamaioría, PSOE e BNG) “non se pretende prexudicar a ninguén” senón “defender o enorme legado cultural de Díaz Pardo, Seoane e Fernández-Albalat”, e o que o Castro significa “para a historia da Galiza”.
O Museo Carlos Maside (Nós Diario).
photo_camera O Museo Carlos Maside (Nós Diario).

O propietario de Sargadelos, Segismundo García, remitiu unha carta ao alcalde de Sada (A Coruña) na que anuncia o peche do Museo Carlos Maside, que acababa de reabrir o pasado mes de xullo. Faino en resposta á moción para declarar BIC todo o complexo do Castro, sendo moi crítico coa corporación municipal.

O problema xorde dunha moción promovida polo BNG para que o complexo do Castro sexa declarado Ben de Interese Cultural (BIC).

O Goberno de Sada insiste en que co aprobado o pasado 31 de agosto cos nove votos da esquerda (Sadamaioría, PSOE e BNG) “non se pretende prexudicar a ninguén” senón “defender o enorme legado cultural de Díaz Pardo, Seoane e Fernández-Albalat”, e o que o Castro significa “para a historia da Galiza”.

O anuncio de incoación como BIC do Museo Carlos Maside fíxose público menos de un mes despois de que reabrise as súas portas, o pasado 17 de xullo.

Solicitude do BNG

O BNG Solicitou que a declaración BIC do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside incluíse tamén Cerámica do Castro ao que a Xunta respondeu apelando á necesidade de "informes acreditados" para expor que o conxunto de Cerámica do Castro sexa incluído na declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside de Sada, algo que, segundo o director xeral de Cultura, Anxo Lourenzo, por agora “non existe”.

Nos últimos anos, partidos políticos, o Concello de Sada, a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo e os propios fillos de Isaac Díaz Pardo reclamaron esta figura de protección  -a máxima existente na Galiza para o patrimonio cultural- para o Museo.

Unha demanda á que respondeu o Parlamento galego no ano 2010 aprobando por unanimidade unha proposición ao Goberno galego para que iniciase os trámites. A proposta atopouse coa resistencia dos accionistas maioritarios do Grupo Sargadelos que rexeitaron esta declaración até hai uns meses.

Comentarios