Sargadelos presenta unha escultura de Isabel II e as redes sociais responden: "Que pensarían Díaz Pardo e Seoane?"

Desde o Grupo Sargadelos xustifícano alegando que, se ben nos últimos tempos non valoran "excesivamente as monarquías", a monarca inglesa tornou nunha "icona da cultura popular". A bágoa que ten na meixela dereita representa un tempo "no que as realezas eran respectadas e admiradas polos súbditos".
Á esquerda, a escultura; á dereita, a raíña Isabel II. (Fotos: Sargadelos - Michael Kappeler / dpa)
photo_camera Á esquerda, a escultura; á dereita, a raíña Isabel II. (Fotos: Sargadelos - Michael Kappeler / dpa)

A raíña Isabel II do Reino Unido, finada o pasado 8 de setembro aos 96 anos de idade, xa ten unha réplica propia feita de porcelana da man do grupo galego Sargadelos.

A peza foi presentada este domingo a modo de homenaxe a unha monarca caracterizada, segundo apuntaron desde Sargadelos, caracterizada polo "boato, a intemporalidade e a imperturbabilidade".

Trátase dunha escultura de 13,8 centímetros de longo por 13,5 cm de largo e 20,5 cm de alto na que a raíña aparece representada cunha bágoa na súa meixela dereita "como alegoría dos monarcas duns tempos que xa non volverán, e nos que as realezas eran respectadas e admiradas polos seus súbditos".

"En Sargadelos, nos últimos anos, non valoramos excesivamente as monarquías. Pero no caso desta muller, Isabel II, a súa lonxeva presenza na vida pública converteuna nunha icona da cultura popular", xustificaron desde a compañía.

Esta peculiar peza non tardou en suscitar o debate nas redes sociais. Diferentes usuarios e usuarias lembraron as orixes da actual factoría, impulsada por referentes da cultura galega como Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane e lamentaron que os responsábeis actuais teñan "renunciado" aos valores daquel proxecto empresarial.

"Camilo Díaz Baliño [pai de Díaz Pardo], asasinado nunha cuneta. Isaac Díaz Pardo, represaliado. Luís Seoane, exiliado. E Sargadelos facendo apoloxía das monarquías", criticaba unha persoa a través de Twitter.

"Sargadelos monárquico inglés poñéndolle unha bagoíña á raíña defunta por todo o que foron perdendo as monarquías. Se non fose todo tan horrible podía pasar por unha viñeta de humor negro", dicía outra usuaria.

Comentarios