As Revoltas Irmandiñas centrarán a cuarta edición das Xornadas Pacegas

O Museo Pazo de Tor, en Monforte (Terra de Lemos), acollerá os vindeiros 6 e 7 de maio a cuarta edición das Xornadas Pacegas, un punto de encontro entre a investigación académica e a acción cultural comprometida co patrimonio, que este ano terá como eixo temático as Revoltas Irmandiñas.
A responsábel de Cultura na Deputación de Lugo, Iria Castro, no centro (Foto: Nós Diario).
photo_camera Encarna Lago, Iria Castro e Simón Vicente, esta terza feira no Pazo de Tor, no municipio de Monforte (Foto: Vicepresidencia da Deputación de Lugo).

O Museo Pazo de Tor, en Monforte (Terra de Lemos), acollerá os vindeiros 6 e 7 de maio a cuarta edición das Xornadas Pacegas, un punto de encontro entre a investigación académica e a acción cultural comprometida co patrimonio, que este ano terá como eixo temático as Revoltas Irmandiñas, determinantes para o nacemento dos pazos como construcións que substituíron as torres e casas forte derrocadas, e polo tanto, do propio Pazo de Tor e da configuración actual da Fortaleza de San Paio de Narla.

Baixo o título Tor e Narla nas Revoltas Irmandiñas: Torres, Fortalezas, Sociedade, as xornadas enfocan este periodo histórico desde varias perspectivas. Ao longo das dúas xornadas, abordaranse as causas da destrución das fortalezas a mans da Irmandade, as torres e casas forte en tanto entidades de poder, a presenza feminina nos Irmandiños, o papel xogado pola Igrexa ou a posición da nobreza galega tras as revoltas.

Ademais, para pór en valor a recente recuperación para o patrimonio público dun cabaleiro xacente do século XV por parte da Rede Museística, haberá un monográfico sobre iconografía funeraria baixomedieval. O encontro, que pretende crear un espazo de divulgación da actividade investigadora, vinculándoa á conservación do patrimonio, reúne medievalistas e historiadoras da arte das universidades de Santiago de Compostela e Vigo, e do CSIC.

As xornadas -cunha capacidade de 45 persoas e que estarán abertas a todo tipo de público que queira asistir baixo inscrición desde o día 10 de abril e até 4 de maio- comezarán na primeira xornada coa intervención de Xosé Manuel Sánchez Sánchez, profesor axudante doutor da área de Historia Medieval da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O tamén coordinador do Máster Interuniversitario Patrimonio Cultural Dixital e Medievalista interesado na historia social do poder, da vida cotiá e mentalidade medievais ofrecerá un relatorio sobre os castelos galegos e a súa imaxe na revolta que levará por título Irmandiños, revoltas, castelos e ideas: atacando os edificios que amosan o poder.

Seguírao Francisco Javier Pérez Rodríguez, doutor en Historia Medieval pola USC e profesor titular na área de Historia Medieval do Departamento de Historia, Arte e Xeografía no Campus de Ourense da Universidade de Vigo (UVigo). Especializado na Historia da Igrexa no Reino da Galiza durante a Idade Media, o seu relatorio abordará o papel xogado pola Igrexa nas revoltas: A participación da Igrexa galega nas revoltas irmandiñas.

Despois será a quenda de Miguel García Fernández, técnico superior de actividades técnicas e profesionais do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento (CSIC) e especialista en Historia Medieval e Moderna e na historia social das mulleres na Idade Media, que intervirá cunha charla sobre as mulleres galegas ante a revolta irmandiña cunha figura directamente involucrada, dona Teresa de Zúñiga. Para que los pequeños e los medianos e los grandes vivamos bien: dona Teresa de Zúñiga e as mulleres galegas ante a revolta irmandiña será o título do seu relatorio.

Pablo Otero Piñeyro Maseda, director do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento (CSIC) e Doutor en Historia pola USC, desenvolve a súa liñas de investigación arredor das coleccións documentais de mosteiros e casas nobres e da historia social da nobreza galega da Baixa Idade Media. Fará un percorrido pola casa señorial galega despois das revoltas e do paso das torres aos pazos que se titulará A casa señorial na Galiza tras as revoltas.

Fechará a xornada Simón Vicente López, doutor en Historia da Arte pola USC e auxiliar de sala na Rede Museística de Lugo. O seu relatorio abordará a doazón dunha escultura de cabaleiro medieval relacionada coa liñaxe do Pazo de Tor: A morte do cabaleiro de Tor e o seu bestiario.

O segundo día será inaugurado por María Dolores Barral Rivadulla, profesora titular do departamento de Historia da Arte da USC, universidade na que se doutorou. As súas investigacións abranguen aspectos iconográficos, arquitectónicos e artísticos da Idade Media con particular interese pola mentalidade e o comportamento social da nobreza baixomedieval. O seu relatorio asumirá o caso dos sepulcros das mulleres galegas nos anos finais da Idade Media: Dime como vistes e adornas e direi quen es. A imaxe da muller na escultura funeraria medieval galega.

Fechará a cuarta edición das Xornadas Pacegas Marta Cendón Fernández, profesora titular de Historia da Arte na Facultade de Xeografía e Historia da USC e doutora en Historia da Arte cunha tese sobre iconografía funeraria episcopal. Estuda o mundo das imaxes iconográficas arredor da morte e das mulleres galegas na Baixa Idade Media, con publicacións, así mesmo, sobre sepulcros baixomedievais de reis e cabaleiros. Falará sobre a busca da eternidade dos cabaleiros galegos a través dos seus sepulcros cunha palestra baixo o título de Guerreiros para a eternidade. Sepulcros de cabaleiros na Galicia Baixomedieval.

Comentarios