O libro 'Personaxes da Galiza medieval' explica a evolución do reino galego entre os séculos XI e XIV

O Museo das Peregrinacións, en Compostela, acolleu este sábado a presentación do libro 'Personaxes da Galiza medieval II', que guía o público lector pola evolución desde a Gallaecia até o Reino da Galiza.
Natividade González, Francisco Rodriguez, Pilar Reino, Alexandre Peres Vigo e Daniel Lorenzo. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Natividade González, Francisco Rodriguez, Pilar Reino, Alexandre Peres Vigo e Daniel Lorenzo. (Foto: Nós Diario).

A asociación O Galo vén de sacar do prelo esta obra, dedicada a oito grandes figuras da nosa historia que viviron entre os séculos XI e XIV.

Este sábado presentouse en Compostela. Foi no Museo das Peregrinacións, onde Pilar Reino, en nome da entidade, recibiu o resto de convidados ao acto.

Daniel Lorenzo Santos, da Fundación Catedral, máis Natividade González Rodríguez, da deputación da Coruña acompañaron dous dos autores participantes no volume: o profesor da Universidade da Coruña Alexandre Peres Vigo autor dos capítulos dedicados a Fernando Peres de Trava e Vermudo Peres de Trava, do século XII, máis a Fernando Ruis de Castro, do século XIV, e o profesor e investigador Francisco Rodríguez Sánchez, autor da introdución.

Investigación

Rodríguez foi o encargado de agradecer o traballo de dinamización "dunha liña de investigación e difusión histórica" como é Personaxes da Galiza medieval, un labor, subliñou, que moitas veces vén suplir as "deficiencias" que se dan no ámbito da investigación académica.

A obra contén estudos dedicados á emperatriz Sancha, a cargo do investigador Manuel Carriedo Tejedo; ao arcebispo Bernardo II, do século XIII, a cargo do profesor da Universidade de Santiago Xosé Manuel Sánchez; a Afonso Soares de Deza, de finais do século XIII e comezos do XIV, a cargo do profesor da Universidade de Santiago, Xosé Miguel Andrade Cernadas; e a Paio Gómez Chariño, do século XIII, e a Pedro Fernández de Castro, do século XIV, a cargo do investigador Héitor Picallo Fontes.

Iniciativas coma esta non son doadas, salientou Francisco Rodríguez durante a súa intervención, nin sempre permiten encher o baleiro existente, porén destacou, o público lector percibe en obras coma unha resposta "toda a historiografía anterior".

Evolución da Gallaecia

"Historiadores casteláns, moitos eclesiásticos, sabían que había unha terxiversación sobre o pasado e trataban de compensala con referencias á orixe do reino cristián que situaban na Galiza e en Asturias", dixo.

Pola contra, os homes do século XIX "ao servizo da creación dun estado unitario e centralista foi eliminar radicalmente a calquera referencia á Galiza".

Público asistente á presentación no Museo das Peregrinacións. (Foto: Nós Diario).
Público asistente á presentación no Museo das Peregrinacións. (Foto: Nós Diario).

Personaxes da Galiza medieval II fai unha escolma representativa do estado e da evolución do Reino da Galiza entre os séculos XI e XIV da que o público lector pode tirar interesantes conclusións sobre cal era o grao de independencia do reino galego en cada un destes momentos históricos e sobre cal foi o papel da clase dirixente galega a través das estratexias e obxectivos que asumiron.

Neste sentido, concluíu o autor do texto introdutorio, "queda moito por facer para ver como foi a evolución para que desa Gallaecia extensa, ampla, puidésemos chegar a unha Galiza non reducida, senón completa, pero que xa é unha protonación, un reino definido".

Porén, engadiu, nesta obra hai indicios que aclaran como foi o camiño a percorrer, como foi evoluíndo a Gallaecia internamente até chegar ao Reino da Galiza que vai desde o Ortegal até o Douro".

Comentarios