O Revenidas, finalista en dúas categorías dos premios Iberian Festival

Os premios destacan a ampla aposta do Revenidas 2023 pola música en galego.
Rodrigo Cuevas entre o público durante a súa actuación no festival. (Foto: Christian Pérez)
photo_camera Rodrigo Cuevas entre o público durante a súa actuación no festival. (Foto: Christian Pérez)

O festival Revenidas de Vilaxoán é finalista en dúas categorías dos premios Iberian Festival Awards 2024. Os galardóns, que recoñecen as contribucións e logros dos organizadores de festivais e outros actores da industria no Estado español e Portugal durante o ano anterior, contan co Revenidas entre os finalistas na categorías de Mellor Festival Lusófono e Hispánico e de Mellor Fotografía de Festival. A gala de entrega de premios da oitava edición dos Iberian Festival Awards terá lugar en Granada o 15 de marzo.

Música en galego

O ano pasado o Revenidas celebrou a máis multitudinaria das súas 20 edicións, grazas a un cartel con gran presenza feminina, cunha reafirmada aposta pola música galega e con grandes artistas do panorama nacional e internacional como Ska-P, Desakato, Zoo, Ana Tijoux, Sara Hebe, Panteón Rococó, Los Chikos del Maíz ou Rodrigo Cuevas.

Precisamente Rodrigo Cuevas é o protagonista da imaxe que conseguiu ser finalista na categoría de Mellor Foto de Festival dos Iberian. Na imaxe, tomada polo fotógrafo principal do festival, Christian Pérez, pódese ver ao gañador do Premio Nacional de Músicas Actuales entre o público durante a súa actuación no festival o pasado mes de setembro.

Ademais, Revenidas tamén é finalista na categoría Mellor Festival Lusófono e Hispánico, que tén en conta os festivais celebrados en países iberoamericanos e/ou de fala portuguesa.

Os premios destacan a ampla aposta do Revenidas 2023 pola música en galego coa presenza de grupos como Arrhythmia, Dakidarría, Fillas de Cassandra, Hydn, Lamatumbá, Mondra, Rebeliom do Inframundo, Sheila Patricia, The Rapants, ou Xosé Lois Romero e Aliboria.  

Comentarios