VÍDEO

The Rapants presenta novo disco en marzo: "Queriamos arrancar cunha canción animada e cunha letra moi nosa"

As entradas para a sala Capitol póñense á vena esta sexta feira.
The Rapants vén de sacar o sinxelo 'Blaster W4u'. (Foto: Andrea Freckleseye)
photo_camera The Rapants vén de sacar o sinxelo 'Blaster W4u'. (Foto: Andrea Freckleseye)

A presentación ao vivo do esperado terceiro álbum de The Rapants xa ten data: a banda muradá dará a coñecer os temas que conforman La máquina del buen rollo o sábado 23 de marzo na Sala Capitol de Compostela. As entradas para a cita, que comezará ás 21 horas xa estarán dispoñíbeis a partir das 12 horas desta sexta feira, 2 de febreiro.

The Rapants iniciou 2024 coa publicación de 'Blaster W4u', o primeiro avance das novas creacións que o grupo presentará ao vivo nos seus directos, dos que deron boa conta o pasado verán nos principais eventos da Galiza co seu segundo LP, O corasón como un after, e que inclúe temas como 'O avión'.

"'Blaster W4u' é un tema moi animado e bailongo. É unha peza moi discotequeira e que fixemos especificamente para morrear", explica o cuarteto sobre o primeiro avance do seu novo LP. "Queriamos arrancar cunha canción animada e cunha letra moi nosa. Esta é unha boa carta de presentación do que está por vir neste 2024", engaden Matías, Samuel, Xanma e Xaquín, autores e produtores, do sinxelo xunto con Paco Loco.

O sinxelo acompáñase dun videoclip que se estreou o día 25 na canle de Youtube de The Rapants e no que, ademais dos membros da banda, participan tanto a bailarina Iria Veiga coma ducias de veciñas e veciños de Muros e doutras comarcas. En total, máis de 400 persoas estiveron implicadas na rodaxe da peza, producida por La Bellavista e dirixida por Juan Barbazán e Whyso.

"Foi moi emocionante ver a tanta xente de Muros implicada na gravación coa súa participación, apoio e achegas. A rodaxe foi incríbel. Énchenos de orgullo e cousas coma esta dan moita forza para seguir adiante", declararon os compoñentes do grupo, que está a preparar a rodaxe do seguinte videoclip, para o que fará unha festa na discoteca La Luna.

Comentarios