Música

Dakidarría festexará o seu 20 aniversario cun gran concerto no Revenidas

A banda, que está gravando un documental durante esta xira aniversario, quere recalcar en palabras de Gabri (vocalista) que "eliximos o festival Revenidas porque para nós sempre foi como a nosa casa e o festival que máis representa a nosa xente".
O grupo Dakidarría (Foto: Nós Diario).
photo_camera O grupo Dakidarría (Foto: Nós Diario).

O Festival Revenidas de Vilaxoan (Vilagarcía de Arousa) é o lugar elixido polo grupo Dakidarría para festexar os seus 20 anos de carreira. Será o sábado 9 de setembro cun concerto de longa duración onde repasaran vellas e novas cancións deste grupo referente da música contestataria galega.

Haberá multitude de colaboracións de artistas tanto galegas (Tanxugueiras, Ruxe Ruxe, Zenzar, Sondarúa, Ezetaerre, O Rabelo, Brasica Rapa e moitas mais ) como estatais (Ska-p, Boikot, Aspencat...) e quedará rexistrado en audio e vídeo.

A banda, que está gravando un documental durante esta xira aniversario, quere recalcar en palabras de Gabri (vocalista) que "eliximos o festival Revenidas porque para nós sempre foi como a nosa casa e o festival que máis representa a nosa xente. Na última década estivemos presentes neste festival, en diferentes formatos, de modo ininterrompido. Ademais consideramos que é un festival de referencia para a galeguidade festivaleira”.

As orixes

Foi no ano 2003 cando 4 amigos do instituto de Nigrán decidiron xuntarse para emular os seus grupos favoritos e expresar os seus sentimentos post-adolescentes a través da música.

Coa base do Punk-Rock por bandeira foron medrando en formación e tamén foron abrindo portas a novos estilos. Tras 6 discos de estudio, un directo e varios recompilatorios e sinxelos, a banda chega ao seu 20 aniversario en plena forma e con intención de durar, cando menos, 20 anos máis.

Gabri asegura que "quen acuda ao concerto do Revenidas non o vai poder esquecer facilmente. Temos preparadas moitísimas sorpresas e un repertorio que non deixará ninguén descontento. Será unha noite para enmarcar, unha noite que durará anos. Será un concerto para repasar a carreira dunha banda que, desde o Val Miñor, espallou a Galiza alén das nosas fronteiras actuando en incontábeis ocasións no Estado español e tamén noutros países como México, Francia, Alemaña, Portugal..."

As 7.000 entradas que se habilitaron para o sábado están esgotadas e a festa promete ser histórica, como non podía ser menos, tratándose do vixésimo aniversario dun grupo que xa é fixo nos cartaces da maioría dos festivais da Galiza e que ten unha ligazón moi forte co seu público que viste con orgullo o seu merchan e cantan a pleno pulmón moitas das súas cancións que xa son himnos para varias xeracións de galegos e galegas.

Para continuar a bailar neste eterno festival que é Dakidarría e o seu legado e a percorrer a terra nas voltas que a música nos dá. Escoitando, aprendendo e compartindo.

Comentarios