Pontevedra acolle un concerto "cos gustos musicais" de Castelao

Interpretaranse obras nacionalistas e impresionistas.
Raúl Rodríguez e Lourdes Olvés (Nós Diario).
photo_camera Raúl Rodríguez e Lourdes Olvés (Nós Diario).

O Museo de Pontevedra acollerá esta quinta feira un concerto de violín e piano no que se interpretarán pezas nacionalistas e impresionistas de principios do século XX de compositores galegos e europeos centradas nos gustos musicais de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

O concerto, titulado Cadros para unha exposición. Castelao en Europa. A viaxe de 1921, é unha actividade complementaria á mostra sobre o histórico nacionalista que procura facer un percorrido polos autores que escoitou o rianxeiro durante a súa viaxe formativa por Francia, Bélxica e Alemaña.  

De Pascual Veiga a Reveriano Soutullo

A actuación correrá a cargo do dúo Loura, formado por Lourdes Olvés (violín) e Raúl Rodríguez (piano). A primeira parte incluirá a interpretación de Alborada de Pascual Veiga, Rosa de abril e Romanza de Andrés Gaos, Lonxe da terriña e Muiñeira de Juan Montes, e Unha noite na eira do trigo e Os teus ollos de Chané.

Na segunda parte inclúense pezas como Danza española de Granados e Cancións populares españolas número 3 e 5 de Manuel de Falla, Sicilienne de Gabriel Fauré e Pavane por une infante défunte de Maurice Ravel, ademais de Nocturno Vigo de Reveriano Soutullo, Cantabile (arranxo de Manuel Quiroga) e Lela (arranxo de Juan Durán).

Trátase dunha selección que dá continuidade ao repertorio escollido na inauguración da mostra e da nomenclatura do Edificio Castelao o 2 de decembro, cando o mesmo dúo Loura interpretou pezas musicais relacionadas coas vivencias que o rianxeiro tivo  en 1921.

O concerto, coa entrada libre até completar capacidade, será unha das últimas actividades relacionadas coa exposición 'Castelao en Europa. A viaxe de 1921’, que fecha o próximo domingo 23 de xaneiro.

Comentarios