Exposición

A mirada de Castelao sobre Europa, no Museo de Pontevedra

O Diario 1921 de Castelao, escrito durante a súa viaxe por Europa, mostra un artista que participa do debate sobre a modernidade tentando que a Galiza non quede á marxe dos temas do seu tempo. O Museo de Pontevedra inaugurou onte unha exposición que recrea o itinerario físico e intelectual daquela viaxe. 
Unha vista da exposición 'Castelao en Europa. A viaxe de 1921' no Museo de Pontevedra. (Foto: N
photo_camera Unha vista da exposición 'Castelao en Europa. A viaxe de 1921' no Museo de Pontevedra. (Foto: Museo de Pontevedra)

Entre xaneiro e outubro de 1921, grazas a unha bolsa da Xunta para a Ampliación de Estudos e Investigacións Científicas (unha institución creada no marco da Institución Libre de Ensinanza), Castelao viaxa por Francia, Bélxica e Alemaña para estudar técnicas de gravado e coñecer as tendencias artísticas que se sucedían daquela por toda Europa. Durante aquela viaxe escribiu un diario onde foi recollendo impresións do que visitaba, das obras de arte que ía coñecendo, das vilas e cidades polas que pasaba. O chamado Diario 1921 é un raro exemplo nas nosas letras de literatura confesional, mais tamén constitúe unha crónica artística dunha viaxe que tivo un enorme impacto na obra posterior de Castelao. 

O Museo de Pontevedra inaugurou onte a exposición Castelao en Europa. A viaxe de 1921 que, comisariada por Ángeles Tilve, responsábel de Coleccións do propio Museo, permite explorar o contido do "excepcional manuscrito orixinal". 

Tomando o propio Diario como fío condutor, a mostra vai recreando o itinerario percorrido por Castelao, mostrando reproducións ampliadas dos 131 debuxos do manuscrito, ademais doutros documentos que permiten revivir a viaxe do rianxeiro desde diversos puntos de vista: cartas, tarxetas postais, fotografías, recortes e impresos intercalados no manuscrito... Ademais, poderase follear ver unha copia dixital do propio diario.

A Europa pola que viaxa é un fervedoiro de ideas e tendencias novidosas que estaban a cambiar por completo o mundo da creación cultural

Compre lembrar que é a época do jazz e o charlestón, do despegue do cinema como arte popular, da Bauhaus e da arquitectura racionalista, do dodecafonismo, do Ulysses de Joyce e de Na busca do tempo perdido de Proust... e tamén do comezo da emancipación feminina, da expansión das ideas da Revolución rusa e do fascismo, da República de Weimar, da Terceira Internacional e do fordismo.  

O Diario 1921 é, especialmente, un rexistro comentado da arte que Castelao pode estudar durante a súa viaxe. A Europa pola que viaxa é un fervedoiro de ideas e tendencias novidosas que estaban a cambiar por completo o mundo da creación cultural: o impresionismo, o puntillismo, o cubismo, o futurismo, Dadá... As vangardas sucedíanse, colisionaban e pugnaban por ocupar un lugar preeminente no pensamento dun público que acababa de saír da Gran Guerra e que vía como o mundo se aceleraba e mudaba a un ritmo nunca antes experimentado. 

E Castelao observa toda aquela efervescencia creativa con curiosidade e cun gran sentido crítico que lle indica por onde podería evoluír a modernidade na Galiza. 

O cubismo non acaba de convencelo, aínda que, anota, “do Cubismo digo que me é simpática a intención intelectual”. Rexeita o dadaísmo. Séntese atraído por algúns artistas do futurismo. E queda seducido pola estética de raíz popular presente no orfismo, na vangarda rusa e, sobre todo, polo expresionismo e polo grupo formado arredor dos Ballets Rusos de Sergei Diagilev.  Tamén cae rendido aos encantos da arte xaponesa, tan de moda no París daquela altura.

A pegada na súa obra 

As pegadas desta viaxe na súa propia obra son numerosas: o exemplo máis coñecido é o das láminas da serie Cegos: os meus compañeiros, inspiradas no cadro de Brueghel o vello A parábola dos cegos, que estudou no Louvre. Mais tamén está a influencia da artista Käthe Kollwitz –unha pintora, gravadora e escultora alemá cuxas pinturas retrataban a dura vida do proletariado industrial das cidades alemás e dos traballadores do campo– nos albumes Galicia Mártir, Atila en Galiza e Milicianos; un debuxo de Natalia Gontcharova que toma como base para un anuncio do diario Galicia; ou a grande impresión que lle provoca o Teatro do Morcego (La Chauve-Souris) de Nikita Balieff, e que o impulsa a crear proxectos para un Teatro da Arte na Galiza. Aínda que a maior parte deses proxectos quedaron irrealizados, a influencia do Teatro do Morcego quedou patente en Os vellos non deben de namorarse

A exposición do Museo de Pontevedra permite seguir estas pegadas expoñendo moitas pezas orixinais que son froito do aprendido e ideado en Europa, ademais de reproducións de obras destacadas que Castelao comenta e analiza por extenso no diario.

Son anos nos que a arte galega se pon á altura dos discursos europeo cunha xeración de artistas que foron quen de renovar a arte galega: Palacios, Bal y Gay Colmeiro, Maside, Luís Seoane.

A figura de Castelao e a renovación da arte galega na década de 1920

Castelao en Europa. A viaxe de 1921 permanecerá aberta ao público até o 23 de xaneiro e permitirá debruzarse sobre as influencias que Castelao recibiu das correntes europeas, que despois exercerían un importante papel na súa teoría e práctica artística e literaria. Son anos nos que a arte galega se pon á altura dos discursos europeo cunha xeración de artistas que foron quen de renovar a arte galega: Palacios, Bal y Gay Colmeiro, Maside, Luís Seoane.

Comentarios