Queres reproducir a tipografía de Castelao? Apréndea nun obradoiro en Pontevedra

Trátase dunha actividade complementar a exposición 'Castelao en Europa. A viaxe de 1921' a través da impresión con tipos móbiles e empregando materiais da época. 
Algúns dos elementos cos que se traballará no obradoiro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Algúns dos elementos cos que se traballará no obradoiro. (Foto: Nós Diario)

O Museo de Pontevedra realizará o vindeiro 22 de xaneiro un obradoiro que, co título de ‘Tipograficamente Castelao’, buscará complementar a exposición 'Castelao en Europa. A viaxe de 1921' a través da impresión con tipos móbiles e empregando materiais da época. 

O taller, destinado a público adulto e tamén nenas e nenos de máis de 12 anos, está dirixido pola especialista Cris Ultre.

Nel ultilizarase prensa tipográfica, letras de chumbo e madeira, e diferentes tintas para facer unha reinterpretación creativa dos textos e imaxes contidos do Diario que realizou o autor de Sempre en Galiza.

Na actividade elaboraranse composicións, fanzines e impresións conxuntamente, xogando coa maquetación, a cor ou as imaxes. Para participar é preciso inscribirse con anterioridade no correo [email protected].

Exposición dunha viaxe

A exposición 'Castelao en Europa. A viaxe de 1921', comisariada por Ángeles Tilve, pon en valor a figura do artista e conmemora o centenario da viaxe formativa que fixo Castelao de xaneiro a outubro de 1921 por Francia, Bélxica e Alemaña.

Estrutúrase en tres grandes bloques, un por cada unha das etapas do percorrido seguindo o desenvolvemento do Diario de viaxe do autor, un caderno manuscrito ilustrado, cuxo orixinal ten o propio museo. 

Castelao anotou no seu momento detalladamente as súas impresións, comentarios e reflexións persoais sobre a arte e os artistas que viu nos museos europeos, nas numerosas exposicións que visitou e nas actividades culturais de todo tipo ás que asistiu durante eses nove meses; tamén as súas vivencias e as súas cavilacións éticas, relixiosas e políticas. A mostra estará aberta até o vindeiro 23 de xaneiro.

Comentarios