Paula Carballeira: "Para cuestionarse a vida, para saber de onde vimos, é moi importante a memoria histórica"

A escritora, intérprete e actriz Paula Carballeira é a autora do texto da obra As alumnas, unha homenaxe á figura da pedagoga María Barbeito. A peza reflexiona sobre os cambios na educación e as consecuencias que tivo en varias xeracións de mulleres. En conversa con Nós Diario, a creadora relata o proceso que a levou a tratar este tema no teatro
A actriz e escritora Paula Carballeira en escena (Foto: D8).
photo_camera A actriz e escritora Paula Carballeira en escena (Foto: D8).

Cal é a razón de que escollera abordar unha trama que trata tan de perto a memoria histórica? 

O proxecto veu da proposta de Culturactiva de falar das mulleres durante o franquismo. Busquei persoas que tiveran algún tipo de relevancia por si mesmas e pareceume moi interesante o mundo do ensino. Nese período histórico entre a II República e o cambio que veu despois coa Guerra Civil e a posguerra tivo lugar a depuración de mestras e mestres. 

Partín de María Barbeito mais a miña intención non era facer unha biografía, xa se fixeron moitas. Creei as personaxes das alumnas de María Barbeito: como elas tiveron primeiro un tipo de ensino aberto a despois outro que realmente as restrinxía en moitos ámbitos. Ademais no seu grupo de idade confluían varias xeracións.

Partín de María Barbeito mais a miña intención non era facer unha biografía

Tivo a posibilidade de introducir experiencias reais?

Teño a sorte de coñecer moitas persoas no ensino, a maior parte mulleres de certa idade e que viviron eses momentos. A min sempre me gustaron as experiencias coa propia voz e déronme moitas pautas. Ao traballar teatro, como están moi presentes os sentimentos e as emocións, podes sacar moitos elementos.  

Que en todo o proxecto figuren mulleres tamén foi unha situación buscada?

Si. Os dous personaxes significan diferentes tipos de mulleres que se coñeceron como alumnas na infancia mais, despois, a vida levounas por lugares diferentes. Quería pór no escenario esa dualidade. Unha segue a ser mestra e continúa loitando contra o que se lle impón e a outra escolleu outro camiño na vida. Pareceume interesante para poder abranguer un ámbito maior e que as persoas que o miren poidan atopar cousas en cada unha das personaxes. Cada unha de nós somos un pouquiño unha e outra.

Tamén me pareceu moi apropiado Fina Calleja como directora e que toda a equipa sexa feminina. Aínda que melloramos, estamos nunha época na que as mulleres actrices e directoras no ámbito escénico  aínda buscan visibilizarse.

A educación continúa a ter na actualidade ese debate, aínda que sexan outros tempos?

Evidentemente é un tema central na nosa sociedade e creo que non se lle presta a atención debida para a importancia que ten. Está ben mirar cara ao pasado para saber que fomos perdendo polo camiño e que mudamos. Está moi vixente por existir aínda moitos dilemas relacionados coa educación que se lle dá á xente nova. Pasamos dunha II República onde houbo un grupo de xente relacionada co mundo da educación que abrían camiños e de repente eses camiños non só se cortaron, senón que se introduciron unhas directrices moi marcadas, sobre todo no que se refire á muller na sociedade que veu despois da guerra.

Tampouco pasou tanto tempo mais aínda non conseguimos que se respire esa liberdade en moitos ámbitos, non só no das mulleres. Acaba de pasar o 8 de Marzo e seguen existindo ámbitos nos que as mulleres teñen dificultades para entrar. Melloramos mais,  que tería pasado se non pasara a guerra? É un tema que sempre xera debate e ten que ser, tamén para saber que sociedade queremos construír.  

Moi pouca xente sabe quen é María Barbeito

Queda camiño por andar sobre a memoria histórica no mundo da cultura?

Creo que si. Por pór un exemplo, moi pouca xente sabe quen é María Barbeito. Moitas veces, cando contas unha historia ás nenas sobre alguén que viviu esa etapa realmente decátanse de que aconteceu de verdade. Pásanos a nós cando vemos unha película e sabemos que está baseada en feitos reais. Ten un valor engadido. Falta moito camiño para entender ben o que está acontecendo. Sen memoria non entendemos a actualidade. Para cuestionarse a vida, para saber de onde vimos é moi importante a memoria histórica.  

Comentarios