Vítimas da ditadura denuncian a Defensa perante a Fiscalía por incumprir a Lei de Memoria Histórica

Acusan o Estado de manter a simboloxía franquista en todo o país. O colectivo de Presas e Presos Políticos da ditadura franquista interpuxo unha denuncia ante a Fiscalía polo incumprimento da lei de Memoria Histórica por parte do Ministerio de Defensa.
"Cruz dos Caídos" na Igrexa Castrense de San Francisco de Ferrol, exemplo de simboloxía fascista. (Foto: Zarateman)
photo_camera "Cruz dos Caídos" na Igrexa Castrense de San Francisco de Ferrol, exemplo de simboloxía fascista. (Foto: Zarateman)

O colectivo de Presas e Presos Políticos da ditadura franquista en Ferrol presentou ante a Fiscalía unha denuncia contra o Ministerio de Defensa, ao que incriminan de incumprir "de forma reiterada" a Lei de Memoria Histórica. Na denuncia, o colectivo acusa o Ministerio de "negarse a retirar simboloxía franquista" da cidade de Ferrol, algo que consideran "podería ser constitutivo de delito".

O colectivo enviara en decembro de 2020 un escrito dirixido á ministra de defensa, Margarita Robles, no cal indicaban que "son numerosos os casos en que o propio Ministerio de Defensa promociona ou permite a apoloxía ou enaltecemento do franquismo. Na Galiza permanecen hoxe 23 símbolos franquistas en instalacións que dependen de Defensa e 13 están en Ferrol".

Sinalan incongruencias por parte do Ministerio

"O Ministerio de Defensa actúa con total incongruencia. Négase a retirar, entre outras, a rúa Salvador Moreno Fernández do Arsenal Militar de Ferrol, mais muda o nome do Colexio Salvador Moreno de Pontevedra (hoxe Juan Sebastián Elcano)", manifestan. Entre os variados exemplos de simboloxía fascista que aínda fican por retirar, segundo indican, están rúas con nomes de militares franquistas como a rúa Almirante Fernández Martín, a rúa Marqués de Alborán ou a rúa Almirante Vierna. Tamén sinalan que aínda hai un busto do ditador Francisco Franco exposto no Museo Histórico Militar da Coruña, ou unha placa que fai referencia ao bautismo de Franco na igrexa castrense de San Francisco de Ferrol. 

En declaracións a Nós Diario, un dos membros do colectivo de Presas e Presos da ditadura franquista, Manuel Monge, condena a situación: "É todo un despropósito, 46 anos despois, segue a haber rúas con nomes de franquistas, non só en Ferrol tamén en toda Galiza". "Co paso do tempo, vese como algo normal, cando na realidade é algo totalmente anormal, demostra a baixa calidade da democracia española". En referencia á propia denuncia interposta ao Ministerio, móstrase optimista:

"Esperamos que a Fiscalía tome cartas no asunto, Entendemos que se debe facer algo ao respecto o antes posíbel". Monge tamén asegura que o colectivo vai emprender accións adicionais no futuro próximo: "Imos presentar unha moción no Concello de Ferrol para a cal esperamos obter o apoio de todos os grupos, ademais, imos preparar un folleto  informativo para repartir entre a poboación e que a xente teña información sobre o tema".

Posíbel delito de prevaricación por omisión

Na denuncia, o colectivo indica que non actuar ante esta situación "supón, cando menos, un posíbel  delito de prevaricación por omisión". Alén disto, expoñen a anomalía que supón que isto aconteza no Estado español, sobre todo ao comparalo co que sucede noutros países da contorna europea: "Alemaña está a combater a infiltración da ideoloxía de extrema dereita entre os corpos policiais e militares e a ministra de Defensa anunciaba no verán de 2020 a disolución dunha compañía completa do Komando Spezialkräfte, o corpo de élite do Exército alemán", manifestan.

Entre algunhas das persoas que foron presas políticas e que apoian o escrito enviado ao Ministerio de Defensa encóntranse o ex deputado do BNG Francisco Rodríguez Sánchez ou o ex párroco Vicente Couce Ferreira.  

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios