O "artefacto de alegría rebelde", Festaclown, volve con humor, clown e circo ás rúas de Vilagarcía

O mellor humor, circo e clown converterán, máis unha vez, Vilagarcía no epicentro das risas. Será da man do Festaclown, do 16 ao 21 de agosto, un festival que se define como "artefacto de alegría rebelde que coloca a risa como panca para mover o mundo e o clown como arma de diversión masiva".
Espectáculo dunha edición anterior do Festaclown (Culturactiva).
photo_camera Espectáculo dunha edición anterior do Festaclown (Culturactiva).

Non hai mellor terapia que unha boa gargallada: din que rir pode diminuír a tensión no corazón, baixar o nivel de azucre no sangue, estimular o sistema imunitario e até axudar a reducir a ansiedade. E máis, un minuto de risa seica equivale a 10 de cardio. Con estes estímulos, o bo humor, as risas e o clown teñen unha nova cita en Vilagarcía da man do Festival Internacional de Clown, Festaclown. Un encontro único no que as e os asistentes poderán atopar, ante todo, "risa, humor, circo, acrobacias, cousas abraiantes, diferentes, sorprendentes…”, adianta para Nós Diario Nacho Fungueiriño Rey, coordinador do evento, ademais dunha organización "moi profesional, acompañada dun espírito rebelde, canalla e divertido", con espectáculos cos que se procura chegar a todas as idades. 

O Festival de Clown, un evento que despois de vinte anos continúa a ofrecer “unha programación pioneira", mesturando diversión e, sobre todo, "sendo moi apoiada polo seu público”, estenderase do 16 ao 21 de agosto, con entrada libre até completar a capacidade. Non obstante, e para entrar en ambiente, esta quinta feira, 12 de agosto, terá lugar a celebración dos 20 anos de clown de Fran Rei e Pedro Brandariz e, o día 13, o grupo de teatro Clámide festexará os seus 40 anos de historia. Fran Rei e Pedro Brandariz, indica o coordinador do festival, “teñen o mérito de seguir sendo ‘o gordo e o calvo’ [risos], mantendo todo o seu humor e a súa retranca”; pola súa parte, Clámide é unha compañía de teatro local de Vilagarcía que fixo os 40 anos, “son moitos anos para seguir vivas” e con moita forza.

A música como punto de encontro no Festaclown

Un festival deste estilo ten que achegar unha programación diferente da que xa ofrece un concello habitualmente, consideran desde a organización do Festaclown. Debe funcionar como un escaparate das novas tendencias, abrir a curiosidade a novos públicos e ofrecer, sobre todo, contidos de calidade para as e os asistentes. “Nós temos que achegar unha retrospectiva, unha mostra, dos diversos estilos, das cousas que se están facendo non só na Galiza, senón tamén no Estado español e a nivel internacional”, valora Fungueiriño, porque "levar a cabo unha exposición co máis habitual carece de sentido". Así, para esta nova edición do Festaclown 2021 optaron por situar a música como eixe central: "Apetecíanos mostrar esta faceta de espectáculos de circo, clown e música porque cremos que iso nos dá a oportunidade de diversificar máis o público, de achegarnos a un perfil de xente máis moza… Apostamos por espectáculos moi roqueiros, con música en directo e cun aire moi canalla", engade

Algúns espectáculos imperdíbeis

Cun programa que destaca pola súa variedade (son 24 compañías con propostas moi diferentes e de alta calidade), non é tarefa sinxela resaltar aqueles espectáculos máis "interesantes". No entanto, desde a organización sinalan, como prato forte, "Save The Temazo", de Collectiu Frenetik, "unha montaxe moi grande e potente", que conta cun universo sonoro creado en directo desde un set de DJ e altofalantes móbiles, enmarcado por unha escenografía de nove metros de altura. Estarán o sábado 21 de agosto na praza da II República. 

Tamén apuntan como imperdíbel a presenza de Fundación Tchyminigagua, na segunda feira 16 de agosto, desde Colombia. Mediante "un movemento de esquerdas moi interesante", comenta Fungueiriño, ofrecen unha proposta chea de música, acrobacias e clown. Trátase dunha compañía á que "non podiamos dicirlles que non a visitarnos polo que está a acontecer en Colombia" na actualidade, engade. Tamén Rolabola, premio nacional de circo, que estarán na terza feira 17 de agosto, destaca por presentar unha mestura entre as técnicas de circo e o rock máis puro. 

Ademais destes espectáculos, no Festaclown contan con "pequenas cousas moi interesantes que chegan até a Galiza desde Italia, con Bergamotto Clown, ou Euskadi", alén da forte presenza das compañías galegas, que presentan "un moi bo nivel", como a batucada feminista Somdolilá, Troula Animación, A Vela Circo, Xarope Tulú, Sue Moreno, quen se fixo co Premio do Público na pasada edición do Festaclown coa súa compañía SU.MA., Circo Chosco ou as "Lambetadas" de Talía Teatro.

O CheckPoint Clown de Pallasos en Rebeldía: a risa como medicina social

Unha das patas imprescindíbeis do Festaclown é a súa vertente máis social, "que está custando máis desenvolver polo tema da covid-19", indica Nacho Fungueiriño Rey, de Culturactiva, con actividades como o CheckPoint Clown de Pallasos en Rebeldía ou os espectáculos sobre igualdade e diversidade que ofrecen Larraitz Urruzola e Xarope Tulú. "A risa é a mellor medicina para saír de todo isto", valora o coordinador, "a pandemia, a nivel sanitario, é unha cuestión moi delicada, mais tamén a nivel psicolóxico e social". "É moi necesario poder volver saír á rúa e rirnos todos xuntos, non podemos entender a vida sen botar unha risada", valora. Por iso, unha das intencións do festival é pasar bos momentos, partillar sorrisos e gozar xuntos. "Liberar tensión e ter alegría, hai que saltar por algún lado", conclúe.

Comentarios