Marta Pérez: "Quedamos co relato do vencedor, mais que ocorre cos vencidos? Semella que se silencia"

Mergullarse na memoria histórica sempre é un exercicio complexo, sobre todo se ten que ver coas raíces propias. Desa busca de respostas nace O Péndulo, unha obra de Inversa Teatro na que a súa directora, Marta Pérez, traslada a experiencia do seu bisavó, apresado e fusilado en 1936. A peza estrearase no Auditorio Municipal de Vigo o próximo 4 de marzo.
Marta Pérez, actriz e dramaturga, dirixe Inversa Teatro desde o ano 2009.
photo_camera Marta Pérez, actriz e dramaturga, dirixe Inversa Teatro desde o ano 2009. (Foto: Nós Diario)

Como nace este proxecto?

É unha obra na que levo posto bastante empeño desde 2019. Nunca imaxinei que se fose converter nunha peza, xa que foi un proceso persoal meu, de descubrimento sobre a miña familia e un pasado do que nunca se falou moito. 

Cando pensaba se isto tería interese, eu mesma sentía pudor, porque notaba que era algo moi íntimo. Tiña documentos do meu bisavó, as cartas que enviaba desde o cárcere. Logo, indagando máis, apareceu a súa camarada, a alcaldesa republicana da Cañiza, que foi a única que exerceu ese cargo na Galiza. Aí din unha especie de salto, pasei do privado a pensar que isto merecería a pena contalo.

Tamén por unha cuestión máis persoal, de facerlles xustiza, polos en valor e de falar do pasado. Creo que na miña familia, como acontece noutras, todo o que non se fala queda enquistado e iso non cura. Para min tamén é reparador e penso que está xeración está preparada para poder falar disto.

Que supuxo a reconstrución destes feitos a nivel persoal?

A verdade é que estou bastante removida. Nos ensaios choro moito, porque estou falando de vivencias persoais e de cousas da miña familia, como a lembranza de miña avoa. Estas cuestións, que aparecen na obra, remóvenme moito

Comezas a investigar e descobres que viviron un sufrimento aterrador e que estivo silenciado moito tempo. Comprendes todo o que tiveron que pasar e loitar para que nós poidamos estar hoxe aquí. É unha forma de recordalos dignamente, non só de darlle dignidade no pasado, senón tamén no presente. Ao final, eu creo que a memoria é identidade. A obra titúlase O Péndulo porque eu son un péndulo que segue a buscar respostas.

Tamén é unha forma de iniciar un diálogo e pór en común esta cuestión, non?

O que me move é unha necesidade e un querer dar voz a algo que estivo moi silenciado. Tamén un querer saber de onde veño e, por suposto, non avergoñarme, senón todo o contrario, encherme de orgullo. Que isto poida dunha vez por todas comezar a normalizarse e poidamos falar. Se eu saco este tapón, seguramente haberá outras persoas que teñan o seu propio e que o queiran sacar. É preciso iniciar un diálogo porque isto está completamente silenciado, non sabemos nada.

Chámame moito a atención que noto que hai necesidade de falar. Eu teño a sorte de contar co apoio de toda a miña familia, están comigo no proceso, pero é certo que cada vez que falo con alguén noto que hai unha necesidade de sacar isto do privado para socializalo e expolo. Hai cousas que precisan ser ditas, porque sempre quedamos co relato do vencedor, pero que ocorre cos vencidos? Semella que todo se silencia. Tamén me molesta que parece que as familias dos fusilados temos que entender o posíbel dano a outras familias cando contamos algo, pero que pasa connosco? Non se nos entende a nós, non temos dereito a lembrar o noso pasado? É moi difícil tratar o tema da memoria, para min tamén foi un espertar de conciencia.

Que outras temáticas aborda a obra?

Sobre todo, pomos o foco nas mulleres. Houbo moitas vítimas da Guerra Civil, pero logo tamén estaban as esposas, nais e fillas de... que soamente por iso eran consideradas mulleres 'contranatura', que non seguían o seu rol de boa muller e que sufrían todo tipo de humillacións. A miña bisavoa tivo que padecer, logo de que lle matasen o marido, que a marcaran como a muller dun 'roxo', a miña avoa quixéronlle rapar o pelo... Todo tipo de humillacións. Para min tamén é importante facelo desde a muller. Parece que estaban aí en segundo plano, pero cando fusilaron o meu bisavó, que foi unha desgraza, quen quedou aquí e quen tivo que sufrir o resto da súa vida foi a súa muller. Quería pór en valor toda a súa loita.

Comentarios