'N.E.V.E.R.M.O.R.E.' represéntase na data do aniversario da traxedia

A obra de Chévere sobre o 'Prestige' rompe o silencio

Nas datas en que se conmemora o vixésimo aniversario da catástrofe do Prestige, a compañía Chévere recupera N.E.V.E.R.M.O.R.E., o espectáculo que realizou o pasado ano, en coprodución co Centro Dramático Nacional e que pretendía recuperar a memoria dun pobo que se mobilizou en defensa da súa dignidade.

N.E.V.E.R.M.O.R.E., da compañía Chévere. (Foto: Chévere)
photo_camera N.E.V.E.R.M.O.R.E., da compañía Chévere. (Foto: Chévere)

A obra poderá verse no Auditorio da Galiza, en Santiago, os días 11, 12 e 13 de novembro -en lembranza dos días en que o barco enviou os primeiros sinais de socorro-, no Auditorio de Vimianzo o 19 de novembro -aniversario do afundimento do buque- e no teatro Rosalía de Castro da Coruña o 28 de decembro -aniversario do Velorio do Mar organizado na cidade herculina e do falecemento do escultor alemán Man en Camelle, Camariñas.

Xesús Ron, director da obra, explica a Nós Diario que "na compañía levamos moito tempo traballando coa memoria, e sempre falamos de N.E.V.E.R.M.O.R.E. como un 'servizo de memoria'. Neste caso, ademais, mestúrase a nosa memoria persoal coa memoria colectiva, polo que nos resultaba moi atractiva. Hai que dicir que, de entrada, non tiñamos moi claro se era preciso facer un espectáculo sobre o Prestige, porque viamos que era unha historia xa contada desde moitos ángulos, especialmente a nivel xornalístico. Pero desde que estreamos, a resposta do público demostra que si, que era necesario recuperar a lembranza daqueles acontecementos: todo o mundo fala da necesidade que existía de recuperar aquela memoria, especialmente na Galiza e, sobre todo,  por parte da xente nova". 

Nestes días, moita xente fala dunha segunda vaga de silencio: despois de querer silenciar o accidente e as súas consecuencias, trátase de silenciar tamén a súa memoria. Ron concorda con que "na Galiza é evidente o silenciamento de Nunca Máis. Desde que estreamos esta obra, no resto do Estado chámannos de todas as partes: o interese polo Prestige e por Nunca Máis é elevadísimo, tanto por parte do público como por parte dos medios. Pola contra, aquí atopámonos cun silencio mediático absoluto. Somos informativamente irrelevantes. Cremos que con estas funcións, nestas datas do aniversario, habería certa resposta, mais estamos realmente sorprendidos co desinterese que percibimos". 

Non obstante, a resposta do público segue sendo intensa e a compañía esgota as entradas alí onde actúa. "É bestial, poucas veces atopamos este punto catártico que alcanzan algunhas funcións. Entón, resulta moi estraño o contraste entre que a xente teña esa memoria tan a flor de pel e acuda masivamente a ver o espectáculo coa indiferenza dos medios de comunicación".  

Ron lembra que o Partido Popular que goberna actualmente é produto, dalgunha maneira, do sucedido naquelas datas: "O descabezamento de Cuíña e do chamado sector da boina, a aparición de Núñez Feixoo... Todo iso é produto daqueles sucesos e é lóxico que lles resulte moi incómodo este tema. Mais outros sectores políticos tampouco parecen estar demasiado interesados en recuperar a memoria daqueles días, non sei moi ben por que". 

Xesús Ron comenta que algunhas persoas, fóra da Galiza, se sorprenden porque a obra estrea coproducida polo Centro Dramático Nacional de Madrid e non polo Centro Dramático Galego, como correspondería. "Mais iso resulta completamente imposíbel neste momento". 

 

O público demanda que se recupere a memoria 

O pasado mes de xuño, nos exames de Lingua Galega e Literatura das probas de acceso á Universidade, apareceu un texto sobre N.E.V.E.R.M.O.R.E. e o Prestige que puxo de manifesto o escaso coñecemento que ten a xente nova sobre a catástrofe e sobre todo o movemento que desencadeou. "E a impronta de Nunca Máis en todos os movementos de defensa do territorio, dos valores medioambientais e mesmo identitarios é indiscutíbel, todos se viron moi influenciados polo carácter daquela contestación", opina Ron. "A nivel político foi un episodio que non se pode deixar pasar como algo irrelevante porque marcou toda a nosa historia posterior". 

Aquela defensa á que se refire Ron consistiu nunha mestura de protesta e creatividade que a obra retoma para convertela en dramaturxia. "A nosa intención era recoller un pouco esa explosión de imaxinación que respondía á espontaneidade da xente e que dalgunha maneira reflectía unha vontade de non perder o humor á hora de enfrontar un momento de crise, sen perder de vista a gravidade do ocorrido. Logo, tratamos de levar á caixa negra do teatro unha recreación do que significou todo aquilo". 

Proba da boa acollida que está tendo a obra e, da necesidade de recuperar a memoria do acaecido é que N.E.V.E.R.M.O.R.E. terá unha continuidade non esperada. Nacido como un espectáculo de gran formato, cunhas necesidades técnicas que non permitían levalo a escenarios pequenos, será redeseñado pola compañía para que poida ampliar o seu público. 

"En realidade é unha resposta a unha interpelación do público, que quere ver a obra nos seus concellos. Ímola manter durante outra tempada basicamente pola demanda, porque está tendo unha acollida moito mellor do que nós agardabamos e porque nos seguen chamando para representala. Simplemente prescindiremos dunha parte da maquinaria escénica que nos complica un pouco a montaxe, mais a obra seguirá sendo a mesma, sen cortes nin cambios. A forza teatral que pode ter o espectáculo permanecerá intacta". 

Comentarios