O creador de Arale e Dragon Ball, Akira Toriyama, morreu aos 68 anos

O creador das series Dragon Ball e Dr Slump, Akira Toriyama, morreu aos 68 anos a causa dun hematoma subdural.
Arale, protagonista de Dr Slump (Foto: Akira Toriyama).
photo_camera Arale, protagonista de Dr Slump (Foto: Akira Toriyama).

O creador das series Dragon Ball e Dr Slump (entre outras), Akira Toriyama, morreu aos 68 anos a causa dun hematoma subdural, segundo anunciaron esta sexta feira a súa editorial e o seu estudio. "Entristécenos profundamente informarlles de que o creador de manga Akira Toriyama faleceu o 1 de marzo a causa dun hematoma subdural agudo. Tiña 68 anos", anunciou Bird Studio.

Bird Studio explicou que o funeral do autor xa tivo lugar entre os seus familiares e achegados, e pediu ao público abster de enviar flores ou outras ofrendas de condolencias, "seguindo os seus desexos de tranquilidade". Aínda non se tomou ningunha decisión sobre a celebración dalgún tipo de evento público de despedida do autor e o estudo dixo que informará respecto diso ao seu debido tempo.

"En Shueisha e dentro do departamento editorial estamos profundamente tristes pola repentina noticia da súa morte", sinalou un comunicado da editorial. Nado en Nagoya (centro do Xapón) en 1955, Akira Toriyama era especialmente querido na Galiza, posto que as súas series (como Dr Slump, máis coñecida pola súa personaxe Arale, ou Dragon Ball) máis coñecidas foron dobradas ao galego pola CRTVG, tendo un éxito incomparábel. 

 "Grazas ao apoio de tanta xente ao redor do mundo, puido continuar coas súas actividades creativas durante máis de 45 anos. Esperamos que o mundo único de creación de Toriyama siga sendo amado por todos durante moito tempo", escribiu o equipo de Toriyama nun comunicado.

 "Para min, Dragon Ball é como un milagre", declarou Toriyama nunha entrevista concedida ao diario Asahi en 2013. "Axudou a alguén como eu, que ten unha personalidade retorta e difícil, a facer un traballo decente e ser aceptado pola sociedade", recalcou o creador do anime.

En 2013, o mangaka recibiu o Premio Especial do 40 Festival Internacional do Cómic de Angulema pola súa obra, e en 2019 foi nomeado Cabaleiro da Orde das Artes e as Letras polo Ministerio de Cultura francés. Tamén creou personaxes para varios videoxogos, entre eles a serie Dragon Quest e o xogo de rol dos anos 90 Chrono Trigger.

Comentarios