Nova Galega de Danza celebra 20 anos co espectáculo 'Berro'

A primeira actuación terá lugar o vindeiro 30 de setembro.
Hernández, Sutil, Díaz, Ferreiro e Fridman, esta segunda feira en Narón. (Foto: Nova Galega de Danza)
photo_camera Hernández, Sutil, Díaz, Ferreiro e Fridman, esta segunda feira en Narón. (Foto: Nova Galega de Danza)

A compañía Nova Galega de Danza fai vinte anos este 2023 e comeza os actos de celebración coa representación dunha nova peza, Berro. A primeira actuación terá lugar no Pazo da Cultura de Narón o sábado 30 de setembro ás 20 horas.

A peza foi presentada esta segunda feira, 25 de setembro, no Café Teatro do Auditorio de Narón nunha rolda de prensa en que estiveron presentes Marián Ferreiro Díaz, alcaldesa de Narón, Jacobo Sutil, director do Agadic, Julián Hernández Amoedo, responsábel de Marketing de Vegalsa-Eroski (patrocinador principal da compañía), Jaime Pablo Díaz, director de Nova Galega de Danza, Sharon Fridman, director artístico de Berro, e Sergio Moure de Oteyza, responsábel da música do espectáculo.

A peza

"Berro representa o baleiro que supón ser individuos sos e illados nunha sociedade sen memoria que debe procurar o movemento que lle lembre o seu pasado. Nunha viaxe que conecta os estados emocionais, mostra a importancia de recuperar esa esencia ancestral (a tradición, a terra, a raíz, a familia e a casa) a través da experiencia colectiva, sentido a transformación na expresión do corpo", indican desde Nova Galega de Danza.

Por medio de movementos pixelados que nacen do detalle, pausas, silencios e accións símbolo da lembranza ou a memoria da frase tradicional galega, como a expresión física e emocional, o elenco reproduce unha coreografía que conta coa dirección artística de Sharon Fridman, profesional que ten traballado con agrupacións de todo o mundo.

A compañía

Nova Galega de Danza, creada en 2003, naceu coa vocación de "innovar" ao tempo que "fusiona en vivo a danza e música de raíces galegas". Nestes vinte anos de vida representou até sete espectáculos.

Comentarios