CONTRACULTURA

Compañía Söa: "A través de improvisacións fomos creando a peza de teatro, música e danza que nos sorprendeu"

Marta Velázquez, Martín Blanco e Carlota Rosón compoñen a compañía Söa
Marta Velázquez, Martín Blanco e Carlota Rosón en Fogar. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Marta Velázquez, Martín Blanco e Carlota Rosón en Fogar. (Foto: Nós Diario)

Carlota Rosón, Martín Blanco e Marta Velázquez son os tres fundadores de Söa, unha nova compañía de teatro que se estrea coa obra Fogar entre a música, a danza e a performance.

Como xurdiu a idea de crear a compañía Söa?

Carlota Rosón: Ao estudar teatro xestual na mesma escola démonos de conta de que tiñamos varios intereses comúns. Primeiro Marta e mais eu comezamos a investigar sobre o son e despois uniuse Martín, que xusto rematara a súa escola de circo, o que lle deu o enfoque desde a danza e a acrobacia e que proporcionou unha profundidade moi interesante. Desde ese momento comezamos a investigar todas as posibilidades de mesturar o teatro coa danza e a música, xa que acabamos por especializarnos en cousas diferentes e a nosa inquietude foi descubrir cal era a forma de unir disciplinas tan diversas dunha maneira precisa.

E de aí até Fogar, o primeiro espectáculo creado por Söa.

Martín Blanco: Fogar nace da experimentación, da curiosidade, da exploración do son co movemento e dalgunha forma tamén do noso subconsciente, ao botar de menos a nosa terra natal. Isto último fai que teñamos esa delicadeza e sensibilidade á hora de tocar os instrumentos e abordar a danza. Foi un reto descubrir como xuntar as nosas disciplinas, xa que Marta vén do conservatorio de canto lírico e do teatro físico, Carlota vén tamén do teatro físico e do jazz e eu mesmo do teatro físico, da danza e do circo. Pouco a pouco, e a través de improvisacións, fomos creando esta peza multidisciplinar de teatro, música e danza que por momentos acabou por sorprendernos a nós mesmos. A compañía tamén ten un contacontos infantil onde xogamos coa luz e a danza. 

Por outro lado, estamos comezando unha nova creación, unha peza de danza e clown coa que estaremos en Portugal na residencia. Atopémonos bailando e xa estamos coa mente posta na volta do verán para propoñer máis proxectos enfocados tamén a música.

Precisamente, esta é unha peza que fala moito das raíces. Por que quixeron levar esta cuestión á escena?

Marta Velázquez: Cremos que é un tema moi universal, algo que está en todas as persoas e que vibra máis en determinados momentos clave da vida. Cando Carlota e eu comezamos a investigar no traballo co espazo sonoro, estabamos nun momento común no que vibraba ese sentimento. Botábamos de menos as nosas casas, as nosas familias e amizades, xa que comezamos a crear en Madrid, mais ela é da Galiza e eu son de Málaga. Mais á vez estabamos creando unha linguaxe común que vibraba en nós e xurdía grazas a estar lonxe do noso lugar de orixe. Foi unha necesidade e unha expresión orgánica desa necesidade, e simplemente fixémoslle caso para que puidese saír cara a fóra. Era importante para nós ser sinceras co que nos acontecía naquel momento.

Falan tamén da contradición entre o amor ao que fomos e a busca de quen somos sen influencias. 

M.V.: Pensamos que a vida é unha contradición en si mesma e que o contraste e o conflito aportan beleza. Nesta obra quixemos dar ese punto de vista. Non definimos unha posición ante a idea de desprezar o teu pasado ou de quedar prostrado por medo ao que virá. É un diálogo entre estes pensamentos e sentimentos que se xeran na emancipación. Créase un conflito e damos luz a esas cousas boas e malas que conviven. 

Fogar é una recompilación, mestura e pregunta sobre todas estas contradicións; porque nalgún momento marchas, mais nunca esqueces o que deixas atrás.

C.R.: Tamén temos un interese moi especial na parte pedagóxica do proxecto, onde investigamos coas persoas que participan dos talleres o diálogo entre o son e o movemento. Resúltanos moi enriquecedor traballar con xente que aporta o seu punto de vista respecto ao tema facendo exercicios onde, por exemplo, uns falan e outros moven o que escoitan, ou colocando instrumentos e deixando que cadaquén propoña ao espazo o que lle vibre no momento presente, dunha maneira moi performática. Gústanos poder facer este tipo de talleres antes do espectáculo.

Comentarios