Contracultura

Verónica Codesal: "A música é unha linguaxe universal e somos quen de atopar ritmos onde recoñecernos"

Verónica Codesal, cantante galega-belga, regresou á Galiza para presentar o seu novo disco en solitario, '100 voltas', no que une a esencia da tradición con instrumentos contemporáneos e os versos de poetas actuais.
Verónica Codesal fai parte do grupo Ialma. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Verónica Codesal fai parte do grupo Ialma. (Foto: Nós Diario)

—A xira internacional de presentación comezou na Galiza, mais como cre que recibirán o disco no resto de destinos?
Como galega nacida en Bruxelas era importante comezar por aquí polo cariño que teño pola miña terra, a lingua e a cultura. Despois, evidentemente, tamén quería facer unha xira por Bélxica e Francia, e haberá máis destinos que aínda non podo comunicar. Con Ialma xa temos a experiencia de máis de 20 anos levando a nosa lingua e a nosa música polo mundo e a acollida sempre foi boísima. 

En Bruxelas, por exemplo, cando digo que a nosa lingua non se podía falar na época do franquismo e que agora forma parte das catro linguas oficiais do Estado comezan a aplaudir. É moi emocionante poder transmitir o orgullo que sinto ao poder cantar en galego e manter todo o que me transmitiron os meus pais: a lingua, a comida e incluso a morriña e a nostalxia polo país, aínda que eu nunca vivín aquí. De feito, precisamente este ía ser o novo disco de Ialma. Foi durante a pandemia que comezamos a ensaiar a través de videoconferencias, mais foi todo un pouco complicado porque Marisol, unha das compoñentes do grupo, quedou atrapada en Santiago por culpa da Covid, a miña irmá tivo cancro de mama...

Finalmente comecei eu a traballar cos músicos e a escoller os temas, facendo tamén as maquetas para que as rapazas de Ialma as escoitasen e foron elas quen me dixeron que era tan bonito así como estaba que tiña que ser o meu proxecto. Claro, eu ao principio quedei un pouco pasmada porque tiña outra idea, mais así xurdiu este traballo e espero que a acollida sexa igual de boa que a experiencia que temos como grupo. 

—É unha xira que mestura a tradición co internacional, como ocorre dentro do propio disco. 
Claro, porque a nosa base segue a ser tradicional. De feito hai algúns temas nos que a melodía e os textos son puramente tradicionais. Tamén é certo que a min gústame moito compor a melodía, é o que máis fago, e algo moi bonito que temos e que creo que nos diferencia doutros grupos galegos que se poden escoitar aquí na Galiza é que os arranxos están feitos por músicos belgas. Neste disco, ademais, contamos cun batería de Togo. Iso é algo que noto moito: vivimos nunha capital multicultural como é Bruxelas onde podemos atopar artistas de case todo o mundo e tanto a min persoalmente como a Ialma como grupo sempre nos gustou mesturarnos.

Ás veces facíamos festas na casa, que eran moi coñecidas as de Ialma, e convidábamos a máis artistas para compartir as nosas músicas e todas as persoas acababamos por cantar nas súas linguas e na nosa, facendo ese intercambio. Creo que interesarse pola música e pola tradición doutras persoas enriquece as propias. A música é unha linguaxe universal e somos quen de atopar ritmos onde recoñecernos, como ocorre cos ailalás. 

—No disco tamén aparecen versos de Lucia Aldao, Yolanda Castaño e Rosalía Fernández Rial. Como xurdiu esta colaboración?
Eu quería pór a muller no centro do proxecto. Chameinas para contarlles sobre as ideas que tiña eu e o certo é que fixeron uns textos magníficos sobre temas tradicionais así como sobre composicións nosas. Mandeilles a música e elas fixeron o texto e foi tan doado e tan fluído que non o cría. Identifiqueime tanto neses textos que me parecía que me coñeceran de toda a vida, mais tamén entendo que as mulleres, na nosa vida cotiá, temos preocupacións moi similares. Por iso creo que cada unha de nós vai poder verse identificada nas palabras destas tres mulleres. 

Tamén contamos coa colaboración de Mercedes Peón, que desde os comezos de Ialma nos arroupou e non é a primeira vez que facemos algo con ela. Para este traballo, como di ela, fíxonos un cariño, uns arranxos en dous dos temas. É unha muller moi potente, con moita forza e con quen sempre mantivemos un contacto, aínda na distancia, moi preto.  

Comentarios