mércores 29/09/21

A 'Maxina' de Marcial Valladares gaña nova vida

Co gallo da celebración dos douscentos anos do nacemento de Marcial Valladares (A Estrada 1821-1903), figura chave no Rexurdimento, a editorial Galaxia réndelle homenaxe tirando do prelo unha edición especial de 'Maxina ou a filla espuria', obra considerada o primeiro exemplo de novela galega moderna. 
O escritor estradense Marcial Valladares nun retrato coloreado [Nós Diario].
O escritor estradense Marcial Valladares nun retrato coloreado [Nós Diario].

Novelista, poeta, lexicógrafo, xornalista... o legado intelectual e artístico que deixou Marcial Valladares foi fundamental para a conformación do galego como lingua culta, e a súa obra Maxina ou a filla espuria un verdadeiro punto de inflexión para a literatura galega moderna.  

Nacido na Estrada no verán de 1821, o señor de Vilancosta adquiriu unha fonda formación humanista durante a súa mocidade e pronto se deu ás letras até o día da súa morte, na primavera de 1903, na mesma vila que o viu nacer. 

Agora, co gallo do bicentenario do seu nacemento, a editorial Galaxia réndelle homenaxe e ofrece ao público lector unha edición especial desta emblemática narrativa. Unha peza que estaba "esquecida", comenta para Nós Diario Xesús Domínguez Dono, encargado da edición e promotor da iniciativa. "Sempre se fala da primeira novela en galego, mais o texto non estaba accesíbel", manifesta.

Cun coidado deseño, coa capa bañada por un azul intenso na que domina o título da obra, impreso en amarelo, Galaxia ofrece como atractivo engadido a reprodución facsimilar caligráfica do manuscrito orixinal realizado en 1870: "Púxenme en contacto coa Real Academia Galega, que nos facilitou a dixitalización do orixinal, e fun ver o manuscrito, unha preciosidade de pulcritude, de traballo manual da época", explica o editor. Deste modo, optaron por levar adiante a reprodución facsímil, como obra de arte, acompañada dunha edición na que valoraron ofrecer un texto "moi adaptado" para facilitar a lectura, mais "marcando a diferenza entre as linguas, como era intención do autor", engade.

Unha peza "clásica" da novela galega

Maxina ou a filla espuria lanzouse por entregas o día 28 de xullo de 1880, na publicación La Ilustración Gallega y Asturiana, unha revista editada en Madrid baixo dirección de Manuel Murguía na súa parte literaria. Considerada o primeiro exemplo de novela galega moderna, non foi publicada ao completo até 1890, aínda que o manuscrito que agora presenta a editorial Galaxia é de 1870. "O texto foi publicado primeiro en prensa, cunha serie de alteracións que non lle gustaron nada a Marcial Valladares, e até 1970, con motivo da homenaxe que recibiu no Día das Letras Galegas, cando Galaxia sacou a primeira edición en libro, non había ningunha edición desa novela", explica Domínguez Dono.

"Unha obra pasa a categoría de clásica cando se reedita cada 15 anos", asegura Xosé Antonio Fernández Salgado, especialista no intelectual estradense e autor do prólogo desta edición, en conversa con Nós Diario. Non obstante, é aínda un texto pouco coñecido, "habería que incluílo na listaxe dos libros obrigatorios de lectura", comenta. Trátase dunha obra "entretida" e incluso "permitiría facilmente unha adaptación a serie". 

Maxina narra a historia de Otilia de Sancti-Petri, unha moza da burguesía compostelá que é violada nun baile de máscaras, a consecuencia do cal nacerá unha nena que chamarán Maxina. Cun enredo e temática propia da novela de folletín, para o filólogo Fernández Salgado en Maxina entrecrúzanse varios elementos comúns deste xénero con "características do propio Valladares como autor", que enriquecen o texto, pois nela aparecen as pegadas "do Valladares lexicógrafo, do folclorista e do literato e amante do romanticismo". 

Douscentos anos para o intelectual da Estrada 

Marcial Valladares "merece ser recordado douscentos anos despois do seu pasamento", valora Fernández Salgado. 

Do señor de Vilancosta este estudoso destaca "a súa faceta de lingüista, de colector do folclore e de autor literario". De feito, no limiar destaca "por unha parte, a súa vertente como poeta, que é a primeira que se manifesta, sendo un dos precursores no uso do galego como lingua literaria, a mediados do século XIX", mais tamén a de novelista, "na cal ten a honra de ser o autor da primeira novela galega moderna", indica. 

"De Valladares resúltanme atractivos todos os aspectos e sempre lle encontro algo novo sobre o que volver", confía o prologuista. Non obstante, "unha das súas facetas que non está moi destacada é a de poeta", engade. "Volvendo estes días á súa poesía, verdadeiramente, Valladares era un moi bo versificador e sabía a arte literaria". A súa primeira etapa de poeta, entre 1840 e 1852, "é unha faceta del que aínda non está moi estudada", confesa. E é que Valladares é un dos primeiros persoeiros en usar o galego como lingua lírica, xunto a Camino ou Añón, e faino con "poemas de liña cultural, non de formato popular" como os posteriores, de 1870. 
 

comentarios