"O Pico Sacro sempre foi expoliado, é un gran símbolo pero non está protexido"

Volve o Pico Sacro a relocer como un dos principais emblemas xeográficos de Galiza cun libro que xunta textos históricos e tamén actuais arredor deste monte. E tamén regresa en xullo a visita anual que organiza a A.C. Vagalumes e O Galo para ler no seu cume o 'Alba de Gloria' de Castelao.

picosacro
photo_camera Presentación do libro 'Pico Sacro' no propio monte, con Lobato disertando [Fotos: Alvarellos editora]

Alvarellos e a asociación cultural Mestre Manuel Gacio veñen de publicar 'Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda', un libro coordinado por Xosé Manuel Lobato -presidente desta sociedade- e Miro Villar, que reúne a obra de noventa autores e autoras arredor deste outeiro. Inclúe textos éditos desde Marcial Valladares até Murguía, Suso de Toro ou María Solar; e inéditos xuntados para a ocasión, asinados por autoras como Rosalía Fernández Rial, Xavier Queipo ou Emma Pedreira. 

castelao-picosacrTodo partiu desta asociación, que leva ben anos defendendo e divulgando os valores culturais asociados a este cume. Lobato explica a orixe do proxecto: "Para min é unha experiencia vital porque eu nacín mesmo na aba do Pico Sacro e desde sempre nas miñas lecturas observaba que practicamente todos os autores se referían ao Pico Sacro nas súas obras. Ese foi o aliciente para empezar a investigar e ao final publicamos este libro no que fixemos unha escolma do que hai publicado sobre este monte". 

Aínda que quizais foi no tempo das Irmandades e do Seminario de Estudos Galegos cando máis atención se lle prestou, Lobato defende que hai probas da súa importancia xa desde os romanos, aparece no Códice Calixtino...

E hoxe segue a ser unha referenza, afirma Lobato, tanto en obras literarias de Galiza coma de fóra, "porque neste libro temos colaboracións de Portugal e tamén obras tamén en español que traducimos". E, alén desta obra, Lobato apunta dous libros recentes con presenza importante deste accidente xeográfico: 'Bótame deste mar fóra', de Ricardo Losada, ou 'Once portas', de Héctor Cajaraville. Aínda que quizais foi no tempo das Irmandades e do Seminario de Estudos Galegos cando máis atención se lle prestou, Lobato defende que hai probas da súa importancia xa desde os romanos, aparece no Códice Calixtino... "Eu sempre poño o mesmo exemplo: no preito Tabera-Fonseca de 1526 practicamente máis do 8% das testemuñas que declararon nese conflito coñecían o Pico, e moitas eran de lugares ben apartados como Lugo ou Tui". 

Este 22 de xullo lerase o 'Alba de Groria' de novo no cume do Pico Sacro lembrando a excursión de Castelao alí en 1924

Un dos sucesos máis coñecidos arredor deste outeiro é a excursión de Castelao en xullo de 1924, cuxa crónica se glosa tamén no libro. E desde 2011 vense recuperando cun acto que a A.C. Vagalumes e O Galo organizan para lembrar esta visita (este ano será o 22 de xullo) e tamén o 'Alba de Groria' no que o rianxeiro dicía así: "Hoxe as campás de Compostela anuncian unha festa étnica, filla, tal vez, dun culto panteísta, anterior ao cristianismo, que ten por altar a terra nai, alzada simbolicamente no Pico Sacro (...)".

Tamén desde a asociación Mestre Manuel Gacio traballan arreo no coidado e na divulgación do patrimonio material e inmaterial que rodea o monte: "facemos un serán todos os anos, roteiros didácticos, a Noite Máxica... O noso principal obxectivo é que non se esquezan as nosas tradicións, desde o Pico Sacro, e da mesma maneira que estes 90 escritores que abrazaron o Pico coa súa obra, nós estamos a facer o mesmo".

Lobato: "No Pico había unha fonte que está na nosa literatura e hai uns anos polo capricho dun señor levaron as fontes, as pedras, o picho... todo".

En perigo

De entre todos os textos históricos, Lobato salienta, ademais do 'Alba de Groria', o poema 'A fonte do Pico Sacro', publicado por Marcial Valladares en 1862. "Para min é o máis significativo e o máis importante de todo o libro, porque no Pico había unha fonte que está na nosa literatura e hai uns anos polo capricho dun señor levaron as fontes, as pedras, o picho... todo. E quero que este libro sexa reivindicativo porque en calquera momento levan o Pico enteiro para o seu xardín particular", quéixase Lobato. 

Alén das canteiras "hai poucos anos tentaron poñer uns eólicos, e hoxe os 4x4 suben practicamente até a punta. Estano destruíndo absolutamente."

Segundo o presidente da asociación local, o Pico Sacro "sempre foi expoliado, todos van e tentan sacar beneficio. É un gran símbolo pero non está protexido". Alén das canteiras, conta, "hai poucos anos tentaron poñer uns eólicos, e hoxe os 4x4 suben practicamente até a punta. Estano destruíndo absolutamente. E a razón de ser deste libro tamén é para que se coñeza esta xoia que temos aquí, que se non o protexemos rematarán con el. Eu estou preocupado". 

Lobato lamenta a falta de protección por parte das institucións: "Ao igual que outros lugares de Galiza, como o Pindo, hai moitísimas dificultades. As administracións son moi reacias a tomar medidas, xa desapareceu a fonte, e temos unhas sobreiras centenarias, que xa saían no poema de Valladares, pero están abandonadas, sen protexer". 

Comentarios