xoves 16.07.2020

O Tío Marcos non foi o primeiro

Este pasado día sete de febreiro o Parlamento de Galiza oficializou o Día dos Medios en Galego a través dunha declaración lida polo seu Presidente. Na declaración explícase a elección da data, 7 de febreiro, por ser a do nacemento de O Tío Marcos d’´A Portela, afirmación que é verdade, e que vai acompañada de outra que non é: a de ser O Tío Marcos a “a primeira publicación escrita integramente en galego”.

 

Capa dun exemplar da primeira publicación periódica redixida integramente en galego
Capa dun exemplar da primeira publicación periódica redixida integramente en galego

Subtitulado “Parrafeos co pobo galego” e impulsado por Valentín Lamas Carvajal, O Tío Marcos d´A Portela conseguiu un notábel éxito. A cabeceira toma o nome dunha figura histórica que viviu en Pontevedra a comezos do século XVIII e foi Martín Sarmiento quen primeiro nos falou del e quen o incluíu entre os protagonistas das súas coplas galegas. 

Na declaración lémbrase que ao Tío Marcos sucederon nos anos inmediatos outras oito publicacións escritas tamén en galego: A Fuliada, O Galiciano, A gaita gallega, Galicia, A Tía Catuxa, As Burgas, O Labrego e A Monteira”. Mais esquécese unha que o precedeu: O vello do Pico-Sagro, esta si a primeira publicación escrita integramente en galego e 16 anos antes.

En galego e en verso

Se O Tío Marcos se inspira na personaxe histórica de que nos fala Sarmiento, O vello do Pico-Sagro entra plenamente no imaxinario colectivo galego e na defensa da súa singularidade a partir da lenda do Pico Sagro.

Mostra  literaria  desta referencia  foi  a  publicación  do  poema “A  fonte  do  Pico  Sagro”,  de  Marcial  Valladares Núñez, no número 19 , 1 de xullo de 1861 de Galicia. Revista Universal de este Reino e Francisco de la Iglesia escribiu O régulo do Pico Sagro, un conto de carácter mitolóxico no que nos narra cal foi a orixe do famoso monte dos arredores de Santiago de Compostela chamado na altura Pico Sagro e hoxe relatinizado en Pico Sacro.  O propio autor sinala que aprendeu este conto cando era un neno, exactamente no ano 1838, cando tiña once anos, e resulta moi significativo que leve por subtítulo “Contos de meu avó”. Foi publicado no número 14 de Galicia Moderna, 2 de agosto de 1885.

O vello do Pico-Sagro, primeira publicación periódica escrita integramente en galego, saíu do prelo o 3 de marzo de 1860

O vello do Pico-Sagro, primeira publicación periódica escrita integramente en galego, saíu do prelo o 3 de marzo de 1860.  Viron a  luz cinco números, impresos na imprenta do Hospicio Provincial da Coruña. O seu especial carácter non se limita só ao feito de estar escrito en galego, senón tamén aos contidos e ao estilo, os cales están máis preto da literatura popular e dos romances do que do xornalismo. En realidade O Vello do Pico-Sagro é un longo romance que ocupa a totalidade dos cinco números e que está escrito en versos octosílabos agrupados de catro en catro á maneira das coplas populares. 

Porén, a temática do romance é un asunto da máxima actualidade: a campaña militar das tropas españolas en Marrocos levada a cabo durante os primeiros meses de 1860.

O tema principal da publicación é a guerra de África, narrada desde unha perspectiva galega por Don Bastián

O tema principal da publicación é a guerra de África, narrada desde unha perspectiva galega por Don Bastián, mais hai tamén información e opinións sobre temas de actualidade que nos permiten saber como eran as romarías ou como vivía a xente.
 

Todos os números están asinados por Mingos Gallego, pseudónimo de Francisco Mª de la Iglesia, ou talvez do seu irmán Antonio Mª.
Xa ven, aí naceu, 16 anos antes que O Tío Marcos, o xornalismo galego. Galego, en verso e focando a realidade do país.

comentarios