A historia fotográfica dos galegos que loitaron obrigados na guerra civil

'Soldados forzosos', a face oculta do drama

A colección Memoria Histórica da Editorial Galaxia acolle a última publicación de Francisco J. Leira-Castiñeira, 'Soldados forzosos', un volume fotográfico que saca á luz as imaxes da guerra civil española. Desde a fronte até os desfiles militares, o libro pon voz, e rostro, a aquelas persoas que foron obrigadas a loitar no bando insurxente.
Comida entre o golpista Francisco Franco e un grupo de soldados durante a guerra civil española [Museo Reimóndez da Estrada. Fondo Blanco Fuentes].
photo_camera Comida de Campaña.O xeneral Franco e Aranda xunto con outros xefes e oficiais na fronte de Asturias. Outubro de 1937 [Museo Reimóndez da Estrada. Fondo Blanco Fuentes].

“Não posso ser feliz num país que é um cemitério”, dixo o escritor brasileiro Zuenir Ventura, autor de 1968: o ano que não terminou, en relación á ditadura que asolagou o país do pau brasil. E Zuenir Ventura estaba no certo. Aínda ecoan aqueles pasos que moldearon o mundo que hoxe habitamos. E é precisamente esa a razón que fai imprescindíbel o labor de investigación e divulgación social das consecuencias dos contextos ditatoriais. 

No ámbito galego, o traballo en materia de memoria histórica continúa a dar bos froitos. Desta volta sae á palestra pública Soldados forzosos. A memoria esquecida da guerra civil española, da man do historiador e investigador Francisco J. Leira-Castiñeira, baixo os auspicios da Editorial Galaxia na súa colección Memoria Histórica.

Soldados forzosos preséntase como a historia fotográfica dos galegos que loitaron de forma obrigada na guerra civil española. Un modo de dar voz ás persoas que foron compelidas a mobilizarse no conflito bélico que rompía a democracia da II República, desde a súa experiencia bélica até a volta en plena ditadura franquista. 

Galiza como centro de recrutamento dos golpistas

En termos xerais, a Galiza non foi fronte de guerra, mais a guerra si estivo sempre moi presente en todo o territorio galego. Por un lado, “por culpa da represión e, por outro, porque foi o que eu chamo un centro de recrutamento dos golpistas”, comenta Leira-Castiñeira en conversa con Nós Diario. Ese recrutamento de soldados fíxose “nun contexto de represión", no que moita xente se viu obrigada a mobilizarse.

Mais quen era esa xente? De onde procedía e por que loitou no bando insurxente? Estas son algunhas das preguntas das que partiu Francisco J. Leira-Castiñeira. “Puxen o foco nos soldados porque conforman un colectivo que permaneceu esquecido, en certa medida, na memoria e na historiografía sobre a guerra civil española”, explica o historiador. “Existían moitas memorias, mais non había unha historia” sobre as persoas que foron obrigadas a loitar nesta guerra. 

“A maior parte da xente que tivo que participar no conflito, por ambos os bandos, foi de forma forzosa” e, no contexto galego, case todos os soldados foron obrigados a loitar no bando golpista, en favor do futuro ditador. 

Na actualidade existe aínda esa imaxe de que os galegos "foron franquistas", prosegue Leira-Castiñeira, e que houbo unha mobilización "voluntaria e masiva", mais non é certo. "Si é verdade que houbo unha mobilización pero nin foi masiva nin era suficiente para poder manter as necesidades dunha guerra", explica. 

Este historiador reivindica que a sociedade do ano 1936 era moi heteroxénea: "En liñas xerais, non se quería a guerra e, a xente corrente, desde as dereitas até as esquerdas, viuse obrigada a participar no conflito de maneira forzosa". Mais “Galiza é un fenómeno paradigmático do que é a construción do franquismo en todos os sentidos”, afirma o autor, “desde a mobilización", que é distinta á que se produce noutros territorios do Estado español, "porque chega antes ao poder”, até o feito de contar coa participación de todas as esferas do mando”, tanto político como militar. 

Memoria histórica: da investigación á divulgación 

O libro Soldados forzosos nace da premiada tese de doutoramento de Leira-Castiñeira A socialización dos soldados do exército sublevado (1936-1945). O seu papel na consolidación do réxime franquista: “O que fixen, xa antes de publicar a tese, foi elaborar un traballo de divulgación a través dun labor de documentación fotográfica para que a xente que non queira ou non estea acostumada a ler ensaios poida saber o que aconteceu” dunha forma máis amena. 

Para Leira-Castiñeira a investigación debe estar no mundo académico e debe saír del con outras iniciativas. "Son dous camiños distintos e os dous teñen que ser percorridos", di. Aínda que para lograr iso haxa que reducir unha tese "de 600 páxinas a 30", coa fin de que o público xeral poida coñecer ese proceso. 

"Os historiadores debemos ter esa vontade divulgativa" para que as investigacións poidan chegar a todo tipo de públicos. Son dous camiños necesarios e estimulantes "que se teñen que retroalimentar", conclúe. 

Fotografar a guerra: instantáneas contra a banalización dos conflitos bélicos

O volume Soldados forzosos (Galaxia, 2021) aliméntase das fotografías do Arquivo Pacheco, situado en Vigo, realizadas por Jaime Pacheco, un dos mellores fotógrafos da Galiza que coñeceu a guerra de primeira man. Alén deste fondo, no libro tamén contan coas imaxes do Gabinete fotográfico do corpo do exército da Galiza, especializado en sacar fotografías de guerra para fins propagandísticos, así como coas instantáneas do Arquivo do Reino da Galiza ou das achegas de persoas particulares.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios