Nace Malabesta, un "becho bravo sen domesticar" que presenta esta semana o seu primeiro disco

O grupo está formado por unha mestura de músicos punteiros da escena jazz estatal como David Regueiro -colaborador habitual de Sermos Galiza-, Isma Cabaleiro e Diego de Lera xunto a coñecidos protagonistas dos escenarios do rock galego como Iago Jorge e Vituco Neira da histórica formación galega Ruxe Ruxe.

Malabesta.
photo_camera O grupo Malabesta.

Malabesta preséntase como nova banda cun primeiro disco, Cabezas de dragón, que se publicará en todas as plataformas dixitais a vindeira quinta feira, 11 de abril, e que se presentará na Casa das Crechas de Santiago de Compostela, o sábado 13.

O grupo está formado por unha mestura de músicos punteiros da escena jazz estatal como David Regueiro -colaborador habitual de Sermos Galiza-, Isma Cabaleiro e Diego de Lera xunto a coñecidos protagonistas dos escenarios do rock galego como Iago Jorge e Vituco Neira da histórica formación galega Ruxe Ruxe.

O disco contén doce cancións, en dúas das cales contan coa colaboración de X. M. Piedra, batería de Astarot, e nel pódese atopar unha aposta polo son máis directo e orgánico onde o violín, o contrabaixo e as guitarras acústicas marcan a pauta sonora e estética dun grupo que aposta pola madeira e a ausencia total de ferramentas dixitais na súa música. Cabezas de Dragón gravouse baixo o mando de Diego Bea Besada nos seus estudios de gravación en Gondomar.

Malabesta preséntanse como "un becho bravo sen domesticar, un dragón incandescente de longas farpas e cinco cabezas. Soños piratas navegando por mares de whisky e ron, recontando compases de blues cos dedos, entoando algunha vella canción de Tom Waits e rasgando as cordas dalgún perdido e estraño bluegrass. Malabesta é un becho con chupa de coiro, moi mala hostia e ningunhas ganas de ir durmir".

Así autodefinen os compoñentes da banda un estilo que mestura toda a calidade instrumental dos seus protagonistas cuns textos cargados de existencialidade, nocturnidade e unha linguaxe que camiña entre a lírica máis maldita e a ausencia absoluta de pretensións poéticas.

Comentarios