CONTRACULTURA

Xaquín Martínez, de The Rapants: "Para o vídeo Blaster W4u pedimos 300 figurantes co fin de que viñesen 150 e apareceron 450"

Xaquín Martínez (Muros, 1999) é o batería de The Rapants, banda que o domingo esgotou as entradas na compostelá sala Capitol. Ademais, o grupo vén de ser nomeado como finalista dos Premios MIN da Música Independente na categoría de mellor artista emerxente. 
Xanma Louro, Matías Romero, Samuel González e Xaquín Martínez forman The Rapants. (Foto Andrea Sánchez)
photo_camera Xanma Louro, Matías Romero, Samuel González e Xaquín Martínez forman The Rapants. (Foto Andrea Sánchez)

Como chegaron á idea de facer un disco con estética e os ritmos das festas do verán?

Todos os membros do grupo compomos música. Despois da publicación de O corasón como un after seguimos compondo e a mediados de ano démonos de conta de que xa tiñamos cancións como para ter outro disco (La máquna del buen rollo). Xuntámonos e valoramos a idea de ir gravalo ao Porto de Santa María (Cádiz) con Paco Loco, a quen coñecéramos nun coworking da Fundación Paideia. Ao final púxose todo a favor para tirar para aí e poder facer o disco. A nosa forma de traballar, se estamos todos máis ou menos na mesma onda e bebemos das mesmas fontes, é pasarnos os proxectos a través dun programa de produción musical. En vista de como ían sendo estes temas, baseamos a estética do disco nas festas de San Pedro de Muros, que é ao que nos lembra. É unha progresión de O corasón como un after

Como se converteron "Rue Flanklin" e "Blaster W4u" nos sinxelos do disco?

O último día de gravación xuntámonos os catro e decidimos que ían ser eses dous baseándonos no que criamos que mellor ía funcionar. Neste disco tamén experimentamos outros xéneros como o rap, en Chusma Riders, e ao final con estes dous sinxelos estamos representando esa sensación máis de festa e baile así como a vertente máis rockeira que ten The Rapants. Para o videoclip de "Blaster W4u", dirixido por Juan Barbazán, precisabamos 100 figurantes, polo que decidimos pór 300 nos anuncios para que apareceran, cando menos, 150. Finalmente, apareceron 450 persoas. 

Acabamos por montar un concerto improvisado na loxa de Muros e foi bastante anecdótico, tamén porque este tipo de cousas parécenos do máis bonito que nos pode estar pasando agora mesmo. O videoclip de "Rue Franklin" estivo baixo a dirección de Manu Seoane e baséase no amor ao longo de distintas épocas, seguindo a frase da propia canción: “Vivimos mil anos en un”. 

Precisamente "Rue Franklin" foi escrita en colaboración con Sara Faro (Fillas de Cassandra), mais tamén contaron con Grande Amore (Nuno Pico) para o tema "Cando pensa en min".

Cando estabamos gravando O corasón como un after iamos facer unha canción con outro grupo para As Kimbambas, mais ao final non se puido facer. Aí, Nuno prestouse a facernos unha letra, mais non nos ía moi ben e decidimos gardala para este disco. Esta letra é a de Cando pensa en min. 

Por outra banda, Sara e eu escribimos a letra de "Rue Franklin" xuntos. Estabamos facendo unha videochamada, ela estaba coa guitarra e motivoume a facer unha canción, que ademais é unha historia que nos representa a ambos. Ao cabo dos días, cando xa tiña a música máis ou menos feita paseilla e ela seguiu coa letra. Cando lla ensinei ao resto do grupo gustoulles tanto que quixeron que fora un dos sinxelos do disco. 

Como reciben o feito de ser finalistas nos Premios MIN?

Estamos súper agradecidos. Son uns premios que coñecemos desde hai moito tempo e evidentemente todo o mundo quere estar aí, e fainos máis ilusión aínda estar na categoría de mellor artista emerxente. Mais sobre todo estamos moi agradecidos coa xente que nos votou, porque temos constancia de que teñen que ser moitas persoas as que o fagan para poder estar aí.

Agradecemos moito ese nivel de implicación, que é un pouco o que dicía antes en relación ao videoclip de "Blaster W4u". 

Comentarios