Máis Nós

A primeira mostra do que hoxe é 'Nós Diario' chegou en 2019, concretamente o sábado 30 de novembro. Pasaron dous anos desde que, como dicía o editorial daquel número cero, “a utopía virou en realidade poñendo o foco nun xornalismo galego, independente, valente e feminista que só renda contas perante a verdade e a honestidade”.
O Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. aprobou as propostas de traballo para 2022. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. aprobou as propostas de traballo para 2022. (Foto: Nós Diario)

No mes de xuño de 1922 Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro fixeron público o manifesto Máis Alá. Aquel texto, que provocou un grande impacto na Galiza da década de 1920, finalizaba cun chamamento á mocidade comprometida. “Sen pretensións de suficiencia doutoral, nin de ningún outro xeito semellante, a rebeldía duns mozos galegos fai esta chamada á Mocidade intelectual da nosa Terra”.

En xuño de 2022, cen anos despois daquel Manifesto, a rebeldía á cal aluden Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro vainos permitir celebrar o décimo aniversario de Sermos Galiza, a cabeceira que, cada semana, permitiu primeiro o retorno do galego aos quioscos cada semana e, máis tarde, a chegada en forma de diario a través da cabeceira Nós Diario.

Queremos celebrar ese aniversario á maneira daquel Manifesto, “Sen pretensións de suficiencia doutoral, nin de ningún outro xeito semellante” mais con reaxustes, que entendemos como melloras, no papel -as cabeceiras Nós Diario e Sermos Galiza- e no sitio web que acolle estas dúas. 

Melloras e reaxustes que nos permitan afrontar os próximos anos con máis presenza pública, con máis subscricións, con máis lectoras e lectores e ocupando un espazo decisivo na conformación dun sistema de medios en galego hoxe por hoxe aínda feble.

Arrancamos neste día 2 de novembro con estas modificacións, para percorrer un camiño que transcorrerá por veigas e por enfestas, por vilas e por aldeas, por cidades compactas e por cidades difusas. É o comezo dun proceso de mellora que nos ocupará os próximos dous meses e no que agardamos que nos acompañen as persoas subscritoras e se sumen moitas outras. Ese é o noso chamamento. Un camiño que concluirá en xaneiro de 2022 con cambios visíbeis e melloras notábeis, quer no papel quer no dixital, e que podemos resumir en:

Máis información sobre a Galiza 

Queremos prestar máis atención á información sobre a Galiza. Por iso, desde hoxe día 2 de novembro, ampliamos, de terza feira a sexta, dúas páxinas esta sección. Para reforzar a nosa marca de referencia, a información galega, traspasando a esas páxinas contidos que estaban a ter acollida noutras seccións e que agora redistribuímos para reafirmar que somos un medio de intereses galegos.

Máis cultura

Serán tres as páxinas destinadas a Cultura, que ocupará tamén a Contra, pois a derradeira páxina, o AvanteToda que nos acompañou nos derradeiros dous anos, pasará a tratar temas culturais. 

Máis axenda

A maiores retomamos a axenda que deixaramos de publicar durante a pandemia e que agora se vincula a Cultura, polo que, na práctica, serán cinco as páxinas destinadas a dar acollida á actividade cultural.

Máis coleccionábeis 

Os coleccionábeis, que tan boa acollida tiveron, e seguen a ter, aparecerán en 2022 cunha maqueta máis limpa, máis lexíbel e cunha temática que aprofundará tanto nos temas máis actuais como noutros de carácter mais histórico.

Máis dixital 

Temos a certeza de que a web nosdiario.gal está aínda lonxe de alcanzar os obxectivos que temos trazado. Por iso, para 2022, queremos ofrecer máis e mellor acceso á web, que adaptará o seu deseño para priorizar os dispositivos móbiles, principal porta de entrada hoxe cara á web e as redes sociais. 

Canto á Hemeroteca dixital, as persoas subscritoras contan xa cun mellor acceso a todos os coleccionábeis, diarios, semanarios e suplementos temáticos de Nós Diario dos últimos dous anos. Nas próximas semanas tamén estarán accesíbeis todos os números de Sermos Galiza desde 2012 a 2019 situando desta maneira toda a colección nun único punto de acceso.

Máis Nós

As melloras e mudanzas de que falamos non se limitan ao diario, na versión web ou en papel. Tamén atinxen o semanario Sermos Galiza que, no seu décimo aniversario, ampliará o número de páxinas, abrindo novas seccións ou ampliando as xa existentes, sempre na idea de mellorar en calidade e actualidade.

Canto ao diario, os suplementos temáticos de 8 páxinas (Coñecer, Gozar, Producir e Entreter), que saen cada sábado, son outra das apostas para este 2022, afondando na idea e dentro da nosa concepción de que un diario en papel necesariamente leva a un dixital máis forte, tal e como fixo público a empresa editora en novembro de 2017 cando anunciou a saída de Nós Diario. E hoxe, igual que daquela, seguimos apelando ao compromiso de todas e todas para podermos ter un medio que dependa só de nós, afastado de calquera rede clientelar para seguirmos sendo, cada día, Máis Nós.

Comentarios