Francisco Martínez: “O movemento guerrilleiro permitiu manter viva a mobilización antifascista”

Francisco Martínez, “Quico”. (Foto: Xosé Luis Fernández Rivera) #quico #guerrilla #coleccionábel #resistencia #franquismo
photo_camera Francisco Martínez, “Quico”. (Foto: Xosé Luis Fernández Rivera)

Coa perspectiva do tempo transcorrido, máis de 80 anos desde o levantamento fascista e máis de 60 desde o cesamento da actividade guerrilleira, que valoración fai do traballo desenvolvido pola guerrilla na Galiza e León e da súa significación política?

Malia o seu fracaso militar, o movemento guerrilleiro en León e na Galiza baseado nunha ampla rede social permitiu manter viva unha mobilización antifascista e a cultura democrática da Segunda República que fora arrebatada co golpe militar de Franco.

Tense referido en diversas ocasións ao que cualifica como “carácter singular” das guerrillas galegas e leonesas. En que consiste esa singularidade e cales son os aspectos diferenciais da actividade guerrilleira neste espazo en relación coa loita que se producía noutros territorios do Estado?

En León e na Galiza, o movemento guerrilleiro xestouse desde 1936 coa solidariedade popular aos fuxidos vítimas da represión imposta polos fascistas. A partir de 1937 e sobre todo desde 1942, cando se estrutura a Federación, esa resistencia social vincúlase aos grupos armados que viñan da fronte norte con moita preparación política e militar. Polo tanto, estas guerrillas de León e da Galiza teñen dúas vertentes complementarias. Por unha banda eses grupos armados, por outra a base social que os apoiaba. Nesta zona, a loita antifranquista desenvolveuse nas vilas e nas cidades. A sociedade civil participa de forma activa na estratexia da resistencia, xa que se organiza nunha guerrilla do chan cos servizos de información republicana. Esta áncora social constitúe un trazo que singulariza a cultura resistente da Federación de Guerrillas de León-Galiza. 

Con todo, as guerrillas que xorden no Estado español após 1944, e a experiencia frustrada de Reconquista de España encabezada polo Partido Comunista de España (PCE), estrutúranse seguindo o modelo militar doutras experiencias de resistencia armada en Europa; isto é, impondo aos grupos armados distancia coa sociedade civil, por exemplo cos campamentos illados, e formas de xerarquía que eu non coñecín nas guerrillas nas cales participei.

Salienta no seu traballo co que se vai abrir o coleccionábel da guerrilla en Nós Diario o carácter de “movemento plural” e destaca a cultura política que foi capaz de crear. A que se está referindo con iso?

Cando evoco as miñas guerrillas como un “movemento plural” refírome ao carácter pluralista da Federación e do grupo da II Agrupación do Exército Guerrilleiro, onde combatín desde 1947 até 1951. Reuníanse aí resistentes de varias sensibilidades políticas. Falando de “movemento plural” refírome tamén á existencia de formas de loitas variadas e ás iniciativas non só dos combatentes en armas senón tamén dos enlaces.

Formou parte primeiro, da Federación de Guerrillas da Galiza e León e posteriormente da II Agrupación do Exército Guerrilleiro da Galiza. Que diferenzas atopou entre as dúas etapas?

Como o dixen antes, a Federación de Guerrillas de León e Galiza xorde desde abaixo, como un movemento unitario moi ancorado na sociedade. Eu fun enlace desa Federación. Na II Agrupación do Exército Guerrilleiro, creado e controlado polo PCE, mantivemos, con todo, a cultura de resistencia herdada da Federación. Esa cultura era moi diferente da cultura de aparello que quixeron impoñernos os enviados da dirección do PCE, baseada na disciplina militarista clásica e desvinculada coa sociedade que apoiaba a loita.

Coincide a publicación deste traballo nun momento no que o Goberno vén de presentar o seu proxecto dunha nova lei de memoria. Que valoración fai da mesma e que consideración ten da súa utilidade?

Neste momento, o proxecto de nova lei aínda non esta ultimado. Xa veremos. Pero se existe este proxecto é porque a esixencia da memoria democrática fixo camiño desde hai varias décadas grazas á participación do movemento asociativo que instou as institucións con amplas reivindicacións e coa súa demanda de verdade histórica, xustiza e reparación. Hoxe día é necesario mobilizarse para crear unha correlación de forzas capaz de facer que o Goberno do Estado español dite unha Lei da memoria verdadeiramente democrática e reparadora. 

"As guerrillas galegas ao descuberto"

O vindeiro 2 de novembro sae a rúa con Nós Diario un novo coleccionábel sobre a memoria democrática galega. A publicación, que se vai distribuír co xornal de segunda a quinta feira ao longo dos meses de novembro e decembro, recolle 36 traballos sobre a loita guerrilleira na Galiza durante os anos do primeiro franquismo. O seu obxectivo é botar luz a respecto dun período da historia do país sempre incómodo ao poder, así como favorecer un debate público sobre unha materia que a oficialidade continúa mantendo nas marxes.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios