Luísa Villalta será a autora homenaxeada polo Día das Letras Galegas 2024

A RAG acordouno esta quinta feira en sesión plenaria.
Luísa Villalta, en 2002 (Foto: Xurxo Gómez-Chao).
photo_camera Luísa Villalta, en 2002. (Foto: Xurxo Gómez-Chao)

Xa temos homenaxeada para o vindeiro Día das Letras Galegas, o de 2024. O presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, anunciou contra as 13.25 horas desta quinta feira, ao remate da sesión plenaria da RAG decorrida no pazo de María Pita da Coruña, que a elixida é a poeta, escritora e violinista Luísa Villalta. A candidatura de Villalta foi respaldada por Chus Pato, Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, Margarita Ledo Andión, Manuel Rivas, María López Sández, Euloxio Rodríguez Ruibal, María Dolores Sánchez Palomino, Manuel González González e Ana Romaní.

O seu nome fora proposto xa para as homenaxes da Academia ás Letras Galegas en 2022, nunha edición que finalmente recaeu en Florencio Delgado Gurriarán, e 2023, que tivo como figura de referencia Francisco Fernández del Riego.

A elección de Villalta coincide co vixésimo aniversario do seu pasamento. "Creadora dunha obra singular e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega que emerxeron na segunda metade dos anos 80 e primeiros 90, o seu 17 de maio será unha ocasión excepcional par reivindicala en toda a súa amplitude como a intelectual que foi", celebran desde a RAG.

"Villalta é unha escritora para facernos pensar o mundo contemporáneo a través dunha obra marcada polo pensamento apaixonado, a procura do rigor e tamén a exploración estilística. O cruzamento entre a poesía e a música é outro dos trazos definitorios dunha autora recoñecida sobre todo como poeta, pero que tamén cultivou con talento o teatro, a narrativa de ficción, o ensaio, o articulismo e a tradución", engaden as e os académicos, a través dun comunicado.

O texto proposto e aprobado esta quinta feira ante o plenario presenta Luísa Villalta como "unha intelectual". "A lóxica, a razón, o pensamento configuran o humus no que enraíza un dos trazos máis significativos da súa voz. Unha poeta do pensamento, en palabras de Pilar Pallarés [poeta da mesma xeración], que empregaba a poesía para pensar o mundo contemporáneo, como ten subliñado Arturo Casas", prosegue.

Tamén valorou o plenario "os acentos da súa voz, os focos da súa obra, o alento da súa escrita", pois estes trazos "fan dela unha autora que sorprende na singularidade e pon de relevo, unha vez máis e fóra de estereotipos, a amplitude do campo literario que se estende en trazos de autoras únicas".

Dende a publicación da obra teatral Concerto para un home só (1989) nos Cadernos da Escola Dramática Galega até o seu pasamento no ano 2004 —pouco despois de que fose premiado o seu poemario En concreto—, Villalta publicou máis de quince volumes: dende outras catro obras teatrais e o ensaio sobre o Don Hamlet de Álvaro Cunqueiro (1992) até As chaves do tempo (2001), a súa última novela, e numerosos artigos de carácter xornalístico, alén doutros moitos textos diseminados por publicacións colectivas.

Luísa Villalta naceu o 15 de xullo de 1957 na rúa Vila de Laxe da cidade da Coruña, espazo vital fundamental que deixaría unha fonda pegada na súa obra. Estudou a EXB no desaparecido colexio das Xosefinas, na rúa de Juan Flórez, e cursou a secundaria no Instituto Eusebio da Guarda. Titulada superior en violín, formou parte da Orquestra de Santiago de Compostela e da Xove Orquestra da Galiza, mais escolleu dedicarse ao ensino tras se licenciar pola Universidade de Santiago de Compostela na daquela Subsección de Galego-Portugués e, posteriormente, en Hispánicas.

En 1988 aprobou as oposicións de docente de Lingua e Literatura Galegas. Impartiu clases nos institutos Xosé Neira Vilas (Oleiros) e de Canido (Ferrol) antes de se incorporar definitivamente ao Isaac Díaz Pardo (Sada), onde promoveu unha intensa actividade cultural. Villalta compaxinaría en diante este labor profesional coa andaina literaria.

Comentarios