O colectivo A Sega dedícalle o Día das Galegas nas Letras 2022

Luísa Villalta, creación e compromiso

O colectivo A Sega decide dedicarlle a Luísa Villalta o Día das Galegas nas Letras, coincidindo co 18º aniversario do seu pasamento. 
Imaxe de Luísa Villalta escollida polo colectivo A Sega para o Día das Galegas nas Letras.
photo_camera Imaxe de Luísa Villalta escollida polo colectivo A Sega para o Día das Galegas nas Letras.

"Celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo, dese pobo que foxe de si mesmo, dunha literatura, dunha lingua, no foro da cultura".  A plataforma de crítica literaria A Sega comeza así o texto co que deu a coñecer a súa elección de Luísa Villalta como homenaxeada no Día das Galegas nas Letras, unha celebración anual que homenaxea mulleres que destacaron pola súa obra literaria ou pola súa achega xeral á cultura galega. 

En 2014, A Sega comezou a organizar esta efeméride como forma de contrarrestar a case anecdótica presenza de mulleres na celebración do Día das Letras Galegas

En 2014, A Sega comezou a organizar esta efeméride como forma de contrarrestar a case anecdótica presenza de mulleres na celebración do Día das Letras Galegas  e, desde aquela, o Día das Galegas nas Letras xa rendeu homenaxe a autoras como Dorothé Schubarth, Patricia Janeiro, María Xosé Queizán, Inma António ou, antes de que a RAG lles dedicase o Día das Letras, María Victoria Moreno e Xela Arias. 

A elección de Luísa Villalta coincide co décimo oitavo aniversario do seu prematuro e inesperado pasamento, a causa dunha parada cardíaca, cando só tiña 46 anos. 

Villalta, malia esa temperá desaparición -que conmocionou o mundo da cultura-, deixou unha copiosa obra en varios xéneros: poesía (Música reservada, Ruído, En concreto, Papagaio), teatro (o volume Obra dramática completa editado por Edicións Proscritas recolle cinco pezas), narrativa (Silencio ensaiamos, Teoría de xogos, As chaves do tempo...), e ensaio (O don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral, O outro lado da música...), ademais de participar nunha longa lista de obras colectivas como Intifada. Ofrenda dos poetas galegos a Palestina (2003), Narradio. 56 historias no ar (2003), ou Cartafol poético para Alexandre Bóveda (2006), entre outras moitas. 

Villalta tamén foi coñecida e recoñecida por implicarse nun innumerábel ronsel de iniciativas cívicas e culturais que reclamaban dereitos e liberdades

Profesora de Lingua e Literatura Galega, Villalta tamén rematara estudos superiores de violín, chegando a formar parte, entre outras, da Xove Orquestra Galega: da conxunción entre música e poesía nacerían varias das súas obras. 

Mais Villalta tamén foi coñecida e recoñecida por implicarse nun innumerábel ronsel de iniciativas cívicas e culturais que reclamaban dereitos e liberdades. Comprometida co nacionalismo, participou en actividades da Mesa pola Normalización Lingüística, da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (de cuxa directiva fixo parte) ou do Foro Negro da Cultura nacido despois do naufraxio do Prestige. Tamén coordinou a área de "Revisión histórica e análise crítica da cultura" no Foro da Cultura Galega. 

O carácter de intervención que lle adxudicaba á actividade cultural pode percibirse na súa múltiple presenza en publicacións periódicas como A Festa da Palabra Silenciada, Tempos Novos, Grial, A Trabe de Ouro, Luzes de Galiza ou, moi especialmente, en A Nosa Terra, no que mantivo unha presenza constante recollida en parte no volume Libro das columnas

O seu compromiso a prol das persoas desfavorecidas, da lingua e da cultura galegas e dos dereitos das mulleres fixeron dela un símbolo que concitou unha inusual unanimidade arredor da súa figura.  

Comentarios