A cultura volve convocar Luísa Villalta

O Día das Galegas nas Letras homenaxeou este ano Luísa Villalta, xusto despois de que a súa candidatura para ser a protagonista do Día das Letras Galegas decaese en favor da de Fernández del Riego. O colectivo A Sega, porén, continúa a reivindicar a obra e o pensamento da autora da Coruña.
Un momento do roteiro guiado por Susana Aríns na Coruña, cidade de Luísa Villalta.
photo_camera Un momento do roteiro guiado por Susana Aríns na Coruña, cidade de Luísa Villalta.

"Ti, que reclamas a liberdade de ser escritora galega nunha Galiza viva e democrática". O manifesto que o colectivo de crítica literaria A Sega fixo público para dar a coñecer a elección de Luísa Villalta como homenaxeada no Día das Galegas nas Letras apela a condición polifacética da autora coruñesa -poeta, dramaturga, ensaísta, narradora, música...- mais tamén o seu compromiso vital cun país que sempre estivo presente na súa obra. 

O 15 de agosto é a data na que cada ano se homenaxean as mulleres escollidas como "Señoras das Letras", unha celebración argallada pola Sega para salientar a figura dunha muller que contribuíse "de forma sobranceira" á cultura en xeral e á literatura en particular. Dorothé Schubarth, María Victoria Moreno, María Xosé Queizán, Patricia Janeiro, Marica Campo, Inma Antonio, Xela Arias e Uxía Casal precederon a Villalta nun acto que incide no déficit de mulleres presentes nas efemérides -oficiais ou non- que celebran a cultura galega. 

Esta segunda feira, no campo da Fariña da Coruña, tiveron lugar os actos que lembraban unha autora particularmente querida non só polo mundo da cultura, senón tamén por todos os colectivos sociais que reclaman "unha Galiza viva e democrática", como acertadamente reza o manifesto. 

Luísa Villalta implicouse nun innumerábel ronsel de iniciativas cívicas e culturais que reclamaban dereitos e liberdades: co nacionalismo, coas actividades da Mesa pola Normalización Lingüística, coa Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (de cuxa directiva fixo parte) ou do Foro Negro da Cultura, nacido despois do desastre do Prestige, entre outras moitas. 

Ese compromiso a prol das persoas desfavorecidas, da lingua e da cultura galegas e dos dereitos das mulleres transformárona nun símbolo que concitou unha pouco frecuente unanimidade arredor da súa figura. A súa temperá desaparición -cando contaba tan só con 46 anos- incrementou, máis se cadra, o afecto que se lle profesa.  

'Roteiro imaxinario' 

A xornada comezou cun "roteiro imaxinario" pola vida de Luísa Villalta a cargo de Susana Aríns, ao que seguiu a lectura do Manifesto pola escritora Andrea Nunes. Despois dun xantar no mesmo Campo da Fariña, Beatriz Maceda coordinou unha lectura dramatizada de textos teatrais de Luísa Villalta. Nuria Vil dinamizou un "micro aberto" no que se leron poemas da autora homenaxeada, para rematar o día coas actuacións da arpista e cantante Clara Pino e da banda Corredores de Sombra. Ademais, durante todo o día puido verse unha exposición con reproducións das fotografías de Maribel Longueira que acompañaban os poemas de Villalta no libro Papagaio

Beatriz Maceda, do colectivo A Sega, non oculta a satisfacción polo suceso da convocatoria. "O roteiro pola vida imaxinaria de Luísa Villalta que dirixiu Susana Aríns foi un éxito de público, puidemos aprender moitísimo da súa vida e a súa obra ao tempo que o pasamos moi ben. E nas lecturas están participando un gran número de persoas do público. Nótase que existe unha enorme vontade de celebrar a Luísa. Tendo en conta que estamos no medio da ponte de agosto, creo que é un éxito moi notábel. Estamos moi contentas e esperamos que todo isto sirva para convencer os membros da Academia Galega de que Luísa Villalta é merecedora de que se lle dedique un Día das Letras Galegas". 

Este ano presentouse a candidatura de Villalta xunto coa de Francisco Fernández del Riego, que acabou sendo o gañador da votación dos académicos, mais esa ausencia da escritora continúa a parecer incomprensíbel para moitas das persoas que seguen a actualidade da cultura galega. Maceda cre que "xa hai dezaoito anos que faleceu Luísa e creo que houbo tempo de sobra para recoñecer os seus méritos. Xa non so para equilibrar a ratio entre homes e mulleres, que é algo imprescindíbel, senón tamén para facerlle xustiza a unha obra absolutamente abraiante: poeta, narradora, dramaturga, ensaísta, articulista, música... O legado que deixou é tan asombroso que esa lagoa resulta inexplicábel". 

Maceda, ademais, evoca o pensamento de Villalta. "Tiña unhas  ideas moi avanzadas e moi amplas. Se agora les os artigos do Libro das columnas [que recolle as columnas escritas no semanario A Nosa Terra] decátaste de que están de plena actualidade: se en vez de Bush pos Biden, ou se en vez de Fraga les Feixoo, o artigo ten unha vixencia incontestábel. A súa visión do mundo, da sociedade e do que está a ocorrer a todos os niveis merece que a súa voz siga a ser escoitada mesmo case dúas décadas despois da súa desaparición".

Comentarios