As integrantes do 'Manifesto de Soutomaior' propoñen Luísa Villalta para as Letras Galegas

A escritora xa foi homenaxeada no Día das Galegas nas Letras, impulsado pola Sega, 2022.
Imaxe de Luísa Villalta escollida polo colectivo A Sega para o Día das Galegas nas Letras.
photo_camera Imaxe de Luísa Villalta escollida polo colectivo A Sega para o Día das Galegas nas Letras. (Foto: A Sega)

As integrantes do Manifesto de Soutomaior, impulsado pola Deputación de Pontevedra, acordaron propor a candidatura da escritora Luísa Villalta (1957-2004) para conmemorar o Día das Letras Galegas en 2023 como "figura inequívoca e pioneira da perspectiva feminista na poesía na Galiza".

Villalta xa foi a autora escollida en marzo deste ano pola plataforma de crítica literaria A Sega no Día das Galegas nas Letras 2022, por ser unha das escritoras chave na transición entre as xeracións poéticas dos 80 e dos 90.

"Celebrámoste desde ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo, dese pobo que foxe de si mesmo, dunha literatura, dunha lingua, no foro da cultura. Ti, na liberdade, da contra-ética do poder", indicaba A Sega nun manifesto.

Agora, a Deputación de Pontevedra presentará ante a Real Academia Galega (RAG) a candidatura da escritora para que sexa Luísa Villalta quen suceda Florencio Delgado Gurriarán como persoa homenaxeada polo Día das Letras Galegas.

Luísa Villalta

A escritora naceu na Coruña en 1957. Estudou na USC, na que se licenciou en Filoloxía Galego-portuguesa e Hispánica. Formou parte da Xove Orquestra da Galiza e da Orquestra de Santiago de Compostela, así como doutros grupos de cámara.

Na poesía debutara con Música Reservada (Ediciós do Castro, 1989). Despois, deu ao prelo Ruído (Espiral Maior, 1995), Rota ao interior do ollo (Ediçoes Tema, 1995) e En concreto (Espiral Maior, 2004), talvez a súa obra máis acabada.

Faleceu en 2004, con 46 anos, a causa dunha afección cardíaca. De maneira póstuma publicouse Papagaio, a súa última obra, acompañada de fotografías de Maribel Longueira.

Comentarios