domingo 24/10/21

Luís Tosar, Miryam Gallego ou Davide Salvado fan fronte común contra Pérez Jácome

Xente do común e artistas consagradas únense á campaña viral #NonAoPecheDaUPO despois de que o alcalde de Ourense anunciara a súa intención de desmantelar a Universidade Popular de Ourense, unha institución que "forma parte do acervo cultural da cidade desde hai 25 anos". A cidadanía tamén intenta acadar sinaturas para evitar a desaparición.
Campaña contra o fechamento da UPO. (Foto: Nós Diario)
Campaña contra o fechamento da UPO. (Foto: Nós Diario)

Baixo o paraugas do cancelo #NonAoPecheDaUPO, a iniciativa da sociedade ourensá para salvar a Universidade Popular da cidade está a acadar apoios de forma moi áxil. Despois de que o alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensá), anunciara o fin do modelo desta institución ou o seu traspaso á Deputación se quere o programa, mesmo artistas como Miryam Gallego, Luís Tosar ou Davide Salvado sumáronse á fronte común contra a política destrutora do rexedor.

A cidadanía defende que esta institución, que non é como a universidade ao uso, debe funcionar porque representa a todas e todos os ourensáns e "forma parte do acervo cultural da cidade desde hai 25 anos".

Nunha petición a través da plataforma Change.org, na que a estas horas xa levaban recollidas máis de 3.300 sinaturas das 5.000 que se marcaron como obxectivo, subliñan que a nivel do Estado español esta estrutura formativa ten máis de 100 anos de historia e naceu "da man de figuras como Antonio Machado e Vicente Blasco Ibáñez"

O paso de Vicente Risco ou Otero Pedrayo pola UPO

"A Ourense chegou en 1910 e nela impartiron caligrafía ou lectura Vicente Risco e Otero Pedrayo, entre outros", afirman, aludindo ao papel da intelectualidade galega nese espazo, que xa forma parte do patrimonio cultural e, mesmo, inmaterial da terceira urbe da Galiza e de todo o país.

Algunhas docentes de agora tamén teñen invitado Pérez Jácome (vía redes sociais) a comprobar o valor público da institución que quere eliminar acudindo as súas clases, de temáticas moi amplas.

"Esta semana espertabámonos coa triste e indignante noticia da súa desaparición, cando é un servizo vital para a cidade e a demanda crecente da mesma así o demostra ano tras ano", defende o colectivo promotor da campaña actual na mensaxe pendurada na plataforma de recollida de apoios.

Máis de 4.000 solicitudes de matrícula só no último curso

Desde hai medio cuarto de século, a Universidade Popular de Ourense atendeu e educou a milleiros de persoas. É difícil estimar un total pois no último curso, a pesar da pandemia e as restricións, tivo 3.000 alumnas e alumnos e máis de 4.000 solicitudes para formarse alí. A petición dunha praza foi crecendo ano tras ano, ao igual que sucedeu coa incorporación de profesoras e de oferta formativa.

"Por que o peche? Por que molesta que exista unha Universidade para adultos de formación continua? Por que ese desexo de impedir que os miles de ourensáns que gozan ou gozaron dela continúen facéndoo?", pregúntanse desde a internet.

Nunha clara mensaxe a un dos alcaldes máis polémicos de Ourense (senón o máis polémico, coas súas leas dentro e fóra do seu partido), as e os veciños advírtenlle de que no canto do feche, o que é preciso é que forneza "máis medios, máis financiamento e máis oferta" para que as e os adultos sigan incorporando coñecementos e gañando en cultura.

comentarios