'Aí vén o maio!'

Olivia Rodríguez: “O porco de pé' é a primeira novela urbana galega moderna”

Olivia Rodríguez é filóloga e ensaísta. Profesora titular de Teoría da Literatura e Literatura Comparada na UDC, preparou para Nós Diario o fascículo número oito de Aí vén o maio!, centrado na obra de Vicente Risco, O Porco de pé.

Olivia Rodríguez
photo_camera Olivia Rodríguez (Foto: Xosé Castro / RAG)

Que é O porco de pé?

É a primeira novela urbana galega moderna e a primeira en recoller as técnicas narrativas que se estaban a ensaiar en Europa e América desde a Fin de Século ata os anos 20. Forma parte do plan literario consensuado no seo do grupo Nós: unha narrativa histórica, obra de Otero Pedrayo; e unha narrativa testemuñal da contemporaneidade, obra de Risco e tamén -coa orixinal mestura artística das Cousas-, de Castelao. Tras o calote da anunciada mancomunidade galega e coa prohibición de toda actividade política, Risco animaba o primeiro día do ano 1928 a Antón Losada a non renunciaren os irmandiños a escribir: “Compre que teñamos pol-o menos unha aitividade literaria: non deixar por dicir nada do que se deba decir, e é moito”.

Risco elixe un enfoque humorístico na liña da caricatura grotesca. Este código de lectura da novela, na que non se mencionan en momento ningún os termos caciquismo nin ditadura-, obedece á necesidade, dada a censura gobernamental, de reflectir oblicuamente un espazo, un tempo e uns personaxes-tipo tomados da realidade galega.

É un texto vangardista?

Totalmente e conscientemente vangardista. Risco é o introdutor das correntes de vangarda a través de traducións de literatura estranxeira e mediante artigos-ensaio que el xa publicaba en La Centuria (onde apareceu o seu manifesto de cerna simbolista, “Preludio a toda estética futura”, 1917). Continuará, en A Nosa Terra desde 1918 e en Nós, desde 1920 -entre outras tribunas- , dando a coñecer o que se estaba a facer fóra para incorporalo á nova arte e á nova literatura galega, sen pasar pola alfándega madrileña. As fontes eran maiormente catalás, portuguesas, francesas, centroeuropeas... Mesmo por carta orientou Manoel Antonio, que hoxe representa o cumio dunha vangarda galega e universal.

Cal é a pervivencia deste texto na actualidade?

Polo contido da historia, está viva desafortunadamente, pois experimentamos como se encetaron, cos caracteres propios do noso mundo cen anos posterior, algunhas das eivas denunciadas na novela: unha separación cada vez maior entre as castes sociais, un comportamento das elites que as afasta a pasos axigantados do ben común, perda do prestixio da cultura, colonización, barbarie, etc. En fin, sen poñernos pesimistas, é aquí onde ten hoxe sentido positivo a mensaxe da novela, porque é unha chamada á capacidade de sumarmos individualidades conscientes para enfrontarmos colectivamente a todos estes retos.

Pola forma, a novela está viva como modelo de literatura satírica de denuncia e resistencia: unha literatura para rir por non chorarmos, que facilita o coñecemento da realidade, establecendo entre o mundo que representa e nós a distancia emocional necesaria. Risco soubo facelo e ata el mesmo se caricaturizou en O porco de pé creando a figura, un chisco o seu alter ego, do doutor Alveiros, teósofo lanzado á política nacionalista que sucumbe esmagado baixo o símbolo do superporco.   

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.

Comentarios